O organismo provincial inicia esta programación de traballos de roza, na que inviste 600.000 euros con cargo ós fondos provinciais, co comezo da tempada estival. Ó igual que nas anteriores campañas, os responsables provinciais poñen en marcha o plan de roza nesta época, para evitar posibles incendios ó tempo que se aforran custes e se optimizan recursos. A razón deste aforro é que comezar antes estas tarefas suporía a obriga de ter que repetir os traballos, tendo en conta as condicións de humidade e os ciclos propios do crecemento das especies vexetais.
O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo composto por máis de 70 operarios e 50 máquinas. Estes súmanse a outros 30 operarios e 25 máquinas do Parque Móbil provincial, e outros 104 operarios e 64 máquinas do Plan de Conservación. No caso do Parque Móbil, os efectivos están a executar actualmente o pioneiro plan de mellora da rede viaria provincial acondicionando con rego asfáltico todos os puntos que así o requiren; pola súa banda, os propios do Plan de Conservación actúan durante todo o ano de xeito continuado. En total, a Deputación conta con máis de 204 operarios e 139 máquinas traballando para manter nas mellores condicións os máis de 4.200 quilómetros de vías provinciais, que fan da luguesa a rede viaria provincia máis extensa de España.
Ademais de manter en bo estado as estradas lucenses e mellorar as comunicacións, por medio destes traballos a Deputación contribúe ó desenvolvemento da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo, grazas á contratación de 20 autónomos e pequenas e medianas empresas da provincia.