Lugo, 25 de xuño de 2014.- A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario e titular da Cátedra de Traballo Autónomo da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, César García Novoa, e o secretario xeral de Autónomos de Galicia-AUGA, Lisardo Domínguez, participaron este mércores no Salón de Actos de San Marcos na xornada informativa O céntimo sanitario. Como conseguir a súa devolución dende o 2002. Impulsando esta actividade, de acceso libre e gratuíto, a Deputación demostra o seu compromiso coa cidadanía reivindicando a devolución do imposto, que dende o organismo provincial sempre se considerou ilegal.
Lara Méndez, quen inaugurou a xornada, quixo salientar que “as medidas adoptadas polo Goberno español non se axeitan á realidade das familias de hoxe xa que, mentres a capacidade de compra das persoas baixa, o custe da vida diaria sube”. “É importante que dende as institucións e organismos públicos se lles preste unha colaboración real ós cidadáns para que tamén fagan valer os seus dereitos”, destacou Méndez, engadindo neste senso que o organismo provincial “continuará reivindicando a devolución do imposto aplicado ilegalmente a milleiros de persoas”.
Segundo deu a coñecer a Vicepresidenta, a Deputación, como administración afectada, xa solicitou formalmente máis de 26.000 euros relacionados co Parque Móbil provincial, pero aínda quedan outras partidas por reclamar, que ascenden a un total de 60.000 euros.
Pola súa banda, o Catedrático de Dereito Financeiro e Tributario César García Novoa explicou cales son as vías a seguir para solicitar o reembolso deste imposto e quen o pode pedir.
O secretario xeral de Autónomos de Galicia-AUGA declarou que este imposto prexudica gravemente ós autónomos: “Xa a situación do sector é mala, como para que se lles grave con máis impostos”.