Preto de medio século dende a súa fundación, tardaría Foz en contar cun posto do Benemérito Instituto, pois foi o día 30 de agosto de 1891cando o alcalde don Ramón López Castiñeira daba conta á Corporación Municipal de que fora concedida ó noso concello a creación do posto da Garda Civil que tiña solicitado.
Para levar a efecto a concesión os munícipes acordaron tomar en aluguer a casa propiedade de don Francisco Couto para acuartelamento da forza e a tal fin facultaron ó señor alcalde para que procedese á adquisición dos seguintes efectos: unha mesa con hule negro; dous bancos, un palanganeiro con bacía ou jofaina e xarra; unha tablilla para o letreiro “Casa Cuartel de la Guardia Civil” e outra para fixar ordes e comunicados; unha izarra e unha tinaxa de barro para conter auga.
A partir daí foron varios os domicilos que acolleron o cuartel e o personal do mesmo, sempre, hai que recoñecelo, en instalacións moi precarias. E.así foi ata o ano 1976 que, ocupando a alcaldía Pancho Martínez, no lugar de Fondós, o concello mercou os terreos precisos sobre os que se constriíron unhas dependencias e vivendas dignas, que dende entón ocupan os membros da Garda Civil destinados no noso concello.Digamos, como curiosidade que hai 40 anos pagáranse polos devanditos terreos a cantidade de 100.000 pesetas; ou sexa 600 euros actuais. Son 125 nos os que a Garda Civil leva prestando os seus servizos en Foz; toda unha efeméride.
Suso Fernández