En primeiro lugar, o Concello de Foz volverá a organizar un obradoiro en colaboración con Alfoz, O Valadouro e Mondoñedo que baixo o nome ‘Pardo de Cela’ centrarase nas especialidades de viveirismo xeral, xardinería, escaiola e pintura.
Pola súa banda, o obradoiro ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove’ estará organizado por estas tres localidades nas especialidades de xardinería e pintura.
‘Serra da Cadeiro’ levarano a cabo en cooperación os concellos de Barreiros, Lourenzá e Trabada e os seus participantes recibirán formación en carpintería, xardinería e axuda a domicilio.
Por último, o obradoiro de emprego ‘Río Sor’ será compartido por dous concellos da Mariña (Ourol e O Vicedo) e un da comarca de Terra Chá (Muras). Este programa xirará en torno á pintura e á axuda a domicilio.
A titular de Traballo destacou que estas catro actuacións, ademais de promover a colaboración entre os concellos, apostan pola eficiencia e a optimización do investimento público e ofrecen aos seus participantes unha formación de calidade, xa que os alumnos, unha vez rematados os obradoiros, reciben un certificado de profesionalidade de validez para todo o territorio nacional.
‘Pico do Castro’
É o caso dos 20 alumnos e alumnas que tomaron parte no obradoiro ‘Pico do Castro’ que vén de rematar en Foz e ao que o departamento autonómico destinou 180.000 euros. A conselleira destacou na entrega de diplomas que estes certificados demostran a preparación e habilidades adquiridas, ao tempo que enriquece o currículum. Neste caso, os participantes formáronse nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e fábricas de albanelería.
Por último, Mato avanzou que nos próximos meses poranse en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e dos que se beneficiarán 1.100 alumnos e alumnas. Na provincia de Lugo desenvolveranse un total de 13 programas, que beneficiarán a 41 concellos. Neles participarán 263 alumnos e alumnas e o financiamento superará os 2,3 millóns.
Residencia e centro de día de Foz
Doutra banda, a conselleira confirmoulle ao alcalde que o departamento autonómico vén de adxudicar a obra de construción da residencia e centro de día de Foz por un importe de máis de 2 millóns de euros. O futuro servizo ofertará 40 prazas de residencia e outras 40 prazas de centro de día.O prazo para a execución da construción será de 18 meses desde o momento no que comecen os traballos.