A Mariña, día 2 de xuño de 2014.- A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca novas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes no ensino público esta semana na comarca da Mariña.
Despois da protesta a pasada semana no Museo Pedagóxico de Galiza, no que se amosou as semellanzas entre a educación na ditadura franquista e a LOMCE, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convocou para este mércores 4 de xuño actos reivindicativos nas sete cidades e diferentes vilas ás sete da tarde que van desde lecturas, actuacións musicais ata representacións teatrais. Ese mesmo día, pola mañá, propón aos centros de ensino que dean lectura a un manifesto denunciando os recortes e facendo un chamamento á comunidade educativa para non aplicar a LOMCE naqueles aspectos máis nocivos para o ensino público. Os actos irán acompañados dalgunha representación ou actuación que o colectivo docente e estudantil poidan programar. Os actos de lectura serán na hora dos recreos da cada centro educativo, tanto de primaria como de secundaria.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera que a aplicación da LOMCE vai a significar un retroceso na educación pública e unha volta aos principios educativos predemocráticos como as reválidas, o reforzamento da relixión, a segregación por sexo ou por clase social, o centralismo ou a xestión antidemocrática dos centros, entre outros.
Con estes actos a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tamén quere denunciar os recortes que se van producir para o inicio do curso escolar, con novas supresións, deficiencias nos centros, a falta de prazas -especialmente en ensino infantil de 0 a 3 anos e a formación profesional-, aulas masificadas e outras actuacións da Consellaría como a circular ás Escolas Oficiais de Idiomas para que o alumnado que cursa 4º da ESO só nos centros plurilingües poida acadar o nivel básico ou intermedio de Inglés e Francés.
“Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público facemos un chamamento a todo o profesorado, alumnado e pais e nais a apoiar estes actos contra unha lei que é unha imposición e cun credo ideolóxico que vulnera os principios máis elementais das sociedades democráticas, aproveitando para introducir elementos totalmente agresivos contra o noso idioma”, concluíu Dores Fernández Abel, representante da PGDEP.