Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa esixe a cobertura da subdirección médica do centro hospitalario mariñao

Burela, 27 de xuño de 2014.- Para a Xunta de Persoal a figura da subdirección médica é imprescindible para un axeitado funcionamento dos servizos médicos e outros servizos sanitarios, coordinando e avaliando as actividades dos seus integrantes.

A renuncia do Subdirector médico fai xa case dous meses, ten unha lectura diferente á da versión oficial. Á marxe dos motivos persoais que aduciu este directivo, o órgano de representación dos traballadores/ás entende que existen outras razóns. Entre elas, podería estar a falta de sintonía co equipo directivo da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte con centro de decisión en Lugo.

O xerente provincial considera o Hospital da Costa como un centro que xera gasto e que se debe podar, e non como un centro sanitario.

A Xunta de Persoal acusou ao xerente da Estrutura de Xestión Integrada, Antonio García Quintáns, de xestionar a sanidade pública dende un punto de vista exclusivamente mercantilista e non como garante da saúde da poboación.

Nesta liña responsabilizárono de tomar decisións nas que A Mariña “sempre sae perdendo ao ver o Hospital da Costa e os centros de saúde da comarca como centros que xeran gasto e non como servizos para garantir a calidade sanitaria das mais de 70.000 persoas que residen habitualmente na comarca”.

O xerente provincial está obsesionado por recortar o gasto sanitario público e utiliza a súa posición de poder á fronte da Estrutura de Xestión Integrada para ir podando os servizos, persoal e material que van degradando a calidade asistencial na nosa comarca.

A última decisión da EOXI(Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Quintáns dende Lugo, de non dar cobertura á SubDirección Médica demostra unha vez mais que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio dun HULA.

Ademais de padecer un modelo de xestión integrada, imposto polo Partido Popular dende o goberno da Xunta en contra do criterio dos colectivos sanitarios e da poboación mariñá en xeral, sufrimos un xerente provincial que nin sabe, nin quere saber nada das necesidades asistenciais da nosa comarca e sucumbe, xunto coa dirección do SERGAS, ante as presións dun “lobbie sanitario privado” interesado en facerse cada vez con mais espazos de negocio roubados ao servizo público.

É por iso que dende a Xunta de Persoal do Hospital da Costa esixen a cobertura inmediata da Subdirección Médica en prol dunha atención sanitaria de calidade e dun mellor funcionamento dos servizos e unidades adscritas ao seu ámbito de competencia, así como a ordenación e coordinación entre os servizos e unidades do noso hospital e dos nosos centros de saúde.

Exit mobile version