Site icon Crónica3.com A Mariña

Anova-IN repudia a represión e a criminalización da protesta

Semella un costume no Estado español indultar a banqueiros estafadores, empresarios corruptos ou políticos inhabilitados mentres se condena a anos de prisión a homes e mulleres que loitan polos dereitos da cidadanía, polos dereitos da clase obreira. Para estes o ministro Gallardón só coñece a lei da represión.

O pasado 30 de abril, a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ditaba unha cruel, inxusta e incomprensíbel sentenza que desde entón fai sobrevoar a sombra da cadea para Ana Outerelo e Tamara Vidal, esta última embarazada de tres meses. O seu único crime foi secundar unha folga d@s traballador@s de instalacións deportivas en febreiro de 2010.

Primeiro foron condenadas en primeira instancia a seis meses de cadea por un empurrón ao xerente do recinto no que tivo lugar a protesta e a vertedura dun líquido colorante nunha piscina. Ambas as mulleres negan estes extremos, non sendo identificadas como as autoras nin polo xerente, nin polo garda de seguridade, únicas testemuñas da acusación. Tras esta primeira sentenza, que foi recorrida pola defensa solicitando a absolución, a sorpresa foi maiúscula cando a fiscalía decidiu recorrer o fallo solicitando unha pena esaxeradamente superior en base a unha interpretación rigorista do Código Penal. Esta petición de pena foi confirmada polo tribunal de apelación que condena finalmente as mozas a tres anos de cadea, SEXTUPLICANDO a condena inicial.

En Vigo a xuíza do penal rexeitou a petición de indulto para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, dous traballadores que participaron na folga do transporte de 2008. Pídenlles tres anos de prisión por exercer o dereito a folga. Malia contaren co apoio de partidos, concellos, sindicatos e distintas plataformas cidadás a fiscalía está decidida a envialos a prisión.

Estas setenzas teñen como obxectivo último amedrentar e inducir á resginación e á pasividade o sector máis consciente da cidadanía, coa complicidade da Fiscalía. Aumenta a represión e a criminalización da protesta, a persecución da liberdade de expresión en Internet, ou a ofensiva lanzada contra os dereitos civís e laborais. A administración de Xustiza ao servizo dos aparellos políticos do Estado, ao servizo da caverna do PP.

Consideramos que é ineludíbel a depuración de responsabilidades dos funcionarios responsábeis destas aberracións; esiximos aos poderes públicos a paralización inmediata da execución das sentenzas, a concesión dun indulto máis que motivado, e a revisión da sentenza por parte do órgano xudicial correspondente, co intuito de reparar o dano infrinxido gratuitamente a estes catro cidadáns e a violación efectuada dos seus dereitos constitucionais.

Por último, desde Anova – Irmandade Nacionalista queremos transmitir a Carlos, Serafín, Tamara e Ana, e aos seus familiares e achegados, o noso máis firme apoio, solidariedade e afecto neste momento de consternación e estupor.

Exit mobile version