Site icon Crónica3.com A Mariña

Armada lémbralle ao PSOE que o Concello ten un departamento de Servizos Sociais para atender todos os casos e afrontar calquera emerxencia social

Cervo, 11 de xuño de 2014- A edil Pilar Armada lembroulle ao grupo municipal socialista que o Concello ten un departamento de Servizos Sociais para atender todos os casos en materia social e de axuda á poboación “sen excepción”. Desta maneira, Armada agradece a proposta do PSOE de crear un plan específico para necesidades infantís pero recalca que “toda situación de emerxencia social ou calquera problema, necesidade ou carencia que nos fagan chegar é solucionada a través do departamento de Servizos Sociais”.

A responsable desta área lembra que este servizo é 100% público, financiado con fondos da Xunta (que inviste 194.200 euros), o Concello (168.500 euros) e a Deputación (4.700 euros). Desta forma, o Concello ofrece e xestiona o servizo con traballadores municipais e recursos públicos. En total existen 2 traballadoras sociais ao fronte do departamento, un auxiliar administrativo e 12 traballadoras asignadas ao servizo de axuda a domicilio.

Un persoal que presta servizo durante todo o ano, que se encarga de dar resposta a todas as posibles situacións familiares e persoais en materia de Servizos Sociais e que se ocupa de todo o proceso, dende a súa valoración ata a súa solución.

Neste sentido, Armada aproveita para lembrar e informar á cidadanía da existencia deste servizo e facer un chamamento a aquelas persoas que poidan precisar axuda para que se poñan en contacto co Concello e, en concreto, co departamento de Servizos Sociais.

Da mesma maneira, a edil “bota de menos tan sequera algo de compromiso da Deputación cos Servizos Sociais de Cervo” e agarda que “o Goberno Provincial predique co exemplo e poida axudarnos a prestar estes servizos achegando máis do 1% que nos dá na actualidade”.

Exit mobile version