Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca Cultura Aberta 2014, o programa de actividades de verán da Deputación

rIMG_0917Lugo, 30 de xuño de 2014.- Este martes arrinca unha nova edición do programa Cultura Aberta, que organiza a área de Cultura da Deputación provincial por sétimo ano consecutivo, un completo programa de actividades que inclúe cinema, diversión para nenos e nenas, concertos e teatro e que encherá de cultura as tardiñas do mes de xullo e da primeira semana de agosto na cidade de Lugo.

Os Martes de Cine Social, os Mércores Miúdos, os Xoves de Cultura Aberta, e os Venres de Teatro encherán, un ano máis o Pazo de San Marcos e os seus xardíns, nun programa, que en palabras do nacionalista Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, “está totalmente consolidado e quere achegar propostas de lecer e culturais a toda a poboación que queira participar, xa que os contidos se van adaptar a todos os públicos”.

Este programa cultural, referencia do verán en Lugo despois de 7 anos, arrinca esta semana coa película Persépole (martes 1), a actuación para nenos Rodari Rodari (mércores 2), os concertos de Tumba e Dalle e Os Cempés (xoves 3), e a obra de teatro Sede de Mal, de Lareta Teatro (venres 4).

“Coa posta en marcha desta sétima edición de Cultura Aberta, desde a área de Cultura da Deputación de Lugo queda demostrado o noso compromiso coa cultura feita na Galiza e en galego nas súas diferentes expresións. Somos conscientes da importancia de investir nela, aínda en tempos de crise, xa que a cultura ademais de dinamizar a sociedade, alentar os ánimos e enriquecer o espírito, impulsa a economía pola industria que se crea arredor dela”, concluíu o Mario Outeiro.

Oferta variada catro días da semana
Así, os Martes de Cine Social terán lugar do 1 de xullo ao 5 de agosto, ás 20.00 horas, no salón de actos da Deputación, en sesións nas que se poderán visionar filmes como Persépole, Iron Jawd Angels, Moolaadé, A Misión, ou Os Mozos do Coro.

Os Mércores Miúdos comezarán o 2 de xullo para rematar o 6 de agosto, comezando sempre ás 18.30 horas, e como é habitual, desenvolveranse nos xardíns da Deputación. Nesta edición, formarán parte da programación para os máis pequenos e pequenas as actuacións de Fantoches Baj, co espectáculo ‘Rodari Rodari, contos de tranvía’; Peter Punk, que porá en escena “Peor imposible”; Daboapipa, que traerá os seus ‘Contos de Animalario’; Pablo Díaz, co seu ‘Toc-Toc’; e Pesdelán e Cántigas e Frores, que escenificarán ‘Na punta do pé’.

Os Xoves de Cultura Aberta darán comezo o 3 de xullo ás 21.00 horas, nos Xardíns da Deputación, e continuarán ata o 7 de agosto; presentados por Carlos Meixide (‘Arturito Puy’ de Os da Ría). Tumba e Dálle e Os Cempés abrirán estes Xoves de Cultura Aberta, que continuarán coas actuacións de Eudemónicas e Kepa Junkera, Xabier Díaz e As adufeiras de Salitre; Carapaus e Ulträqäns, HabELAS HainNas e Sacha na Horta (Horta Revolution!); e Leña Verde e Proxecto Danza.

Xa por último, os Venres de Teatro comezarán o 4 de xullo ás 21.00 horas e prolongaranse ata o 8 de agosto. Traerán as súas representacións ata os xardíns da Deputación o grupo Boneca Lareta con ‘Sede de Mal’, Abrapalabra Creacións Escénicas, con ‘As do Peixe’; Microefectos Dramatúrxicos, con ‘Que vai ser dos nenos?’; Teatro do Adro con ‘As mil vidas de Matías Houseman’; e Voadora con ‘Waltz’.

Exit mobile version