Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de construción da nova gardería de Burela “poderán iniciarse no prazo duns dous meses”

Burela, 13 de xuño de 2014. As obras de construción da nova gardería de Burela poderían dar comezo no prazo duns dous meses. O proxecto básico está moi avanzado, segundo anunciaron hoxe desde o equipo de goberno de burelés e: “en cuestión de tres ou catro semanas poderemos asinar a acta de ocupación da finca”. Ademais criticaron a actitude que mantivo no día de onte a oposición no pleno extraordinario celebrado no Concello.

Desde o grupo de goberno confían “en que as obras da nova escola infantil poidan arrincar nun prazo de dous meses. Como se sabe terá un total de 41 prazas e damos ese prazo porque o proxecto básico, que é o necesario para conceder a licenza de obra, está moi avanzado e en cuestión de tres ou catro semanas poderemos asinar a acta de ocupación da finca”.

O equipo de goberno explicou que “o sistema que se utilizou para a adquisición da finca foi o da expropiación por xustiprezo. Cando isto ocorre o propietario propón un prezo á administración local e si esta considera que entra dentro das súas posibilidades procede á súa aceptación. Nese sentido imos pagar polo solar, que ten 2.200 cadrados, 90.000 euros máis o 10% do imposto de transmisións, que son 9.000 euros. En total pagaremos 99.000 euros”.

E lembraron que “o Concello non dispón de solo propio de carácter dotacional, entón ese solo ten que ser adquirido. E neste caso a compra foi beneficiosa para o Concello”. Para o grupo de goberno “a oposición onte amosou unha ignorancia máxima, porque por exemplo o señor Llano demostrou que descoñece totalmente os asuntos municipais xa que asegurou en dúas ocasións que o prezo do solar da gardería era equivalente ao importe do solar que o Concello saca a poxa na unidade de actuación de Torrentes. E iso é mentira, porque o importe que o Concello pagará polo solar da gardería ascende a 99.000 euros e o importe mínimo da poxa do solar municipal en Torrentes é de 145.000 euros. O señor Llano mentiu en 46.000 euros, é dicir a súa mentira custa 46.000 euros”.

“En relación coa gardería nós faremos agora o que o bipartito non foi capaz de facer en catro anos e facémolo polo que o PP prioriza os servizos sociais. No seu momento o señor Llano priorizou a colocación de luminarias de deseño e o despilfarro. Si o señor Llano se tivese preocupado polos servizos sociais podería construír non unha escola infantil senón dúas, cos 800.000 euros que investiu en luminarias de deseño e que non representan, senón todo o contrario, ningún tipo de aforro enerxético”, indicaron desde o Grupo Popular.

No equipo de goberno burelés tamén se referiron ao crédito de pago anticipado a provedores: “o Concello baixa o tipo de interese do 5,57% ao 4,26%, co que aforraremos 25.000 euros e xeramos unha liquidez adicional por un ano duns 120.000 euros. Entendemos que a opción adoptada é a máis idónea nestes momentos para o Concello de Burela. Resulta sorprendente que os que xeraron e causaron que houbese que pedir este crédito agora se alarmen das decisións que toma o PP, cando deberían ser eles e só eles os que pagasen este crédito que houbo que pedir polas facturas que deixaron sen pagar”. Para os populares “unha vez máis demostrouse a ignorancia dos grupos da oposición. O señor Llano chegou a dicir que a herdanza do antigo Concello de Cervo é culpa do PP. Hai que ter moito valor para dicir iso. Tamén demostrou descoñecer que os solares propiedade do Concello de Burela están todos en Torrentes e que ningún deles é dotacional, senón que pertencen a unha ordenación de carácter pechado. Tamén demostrou descoñecer as características das bolsas de solo dotacional do novo PXOM, co cal é bastante triste e di moi pouco da capacidade de traballo do señor Llano. O máis delirante que dixo onte este home foi que para facer a nova escola infantil sería bo convocar un referendo, e non o dixo unha soa vez, senón que o dixo en dúas ocasións, as mesmas nas que repetiu que a herdanza deixada polo antigo Concello de Cervo era culpa do PP”.

Desde o equipo de goberno do Concello de Burela “o que lle pedimos á oposición é que sexan un pouco máis responsables, que estuden os asuntos municipais porque se demostrou que a ignorancia nalgúns casos é moi atrevida e neste caso foi atrevida. O peor de todo é que cando a ignorancia se mestura coa mentira e se mestura co sementado de insidias e de dúbidas sobre o proceder do equipo de goberno entón a ignorancia convértese en rexeitable, perigosa e denunciable. Onte quedou claro que ao PSOE non lle gusta que o PP saque as cousas adiante, cansáronse de criticar a nosa xestión, polo tanto quere dicir hai xestión e aplicamos aquel dicho de ladran logo cabalgamos”.

Exit mobile version