O Presidente lembrou que con este novo centro, a Deputación salda unha débeda coa UNED e coa súa comunidade educativa. “Despois dun investimento de máis de un millón de euros e despois de superar numerosas trabas coas que algunhas administracións quixeron castigar ós lucenses, estamos chegando ó final dun camiño que iniciamos hai 7 anos, cando chegamos ó Goberno da Deputación e nos marcamos como un dos nosos obxectivos, compartidos co Alcalde, que Lugo deixase de ser a única provincia española sen sede para a UNED”, explicou Besteiro.
As novas instalacións, financiadas en solitario polo organismo provincial, suporán un aforro de máis de 100.000 anuais á Universidade a Distancia polo aluguer da actual sede. O centro estará dotado de 16 aulas laboratorio; conexión a Internet de 10 megas; biblioteca de acceso público; ou salón de actos, que será o novo buque insignia da UNED.
O Presidente subliñou así mesmo o “intenso compromiso que esta Deputación ten coa Educación Universitaria, un dos piares fundamentais das sociedades modernas e desenvolvidas, instrumento clave para o progreso persoal, social e económico”. Besteiro fixo un expreso recoñecemento ó labor que fai a UNED na provincia, tanto en Lugo, como en Viveiro, Foz e Monforte.