Mentres “corrías a banda” o pasado sábado polo perímetro do estadio de Riazor, chegaron á miña memoria varios recordos.
Lembrei cando chegaches ó meu querido equipo, sen condicións, nunha situación económica e institucional terriblemente complicada e último na clasificación, a unha distancia dos postos de salvación que semellaba xa insalvable. Con ese panorama desolador aceitaches o reto e fuches pouco a pouco inxectándonos ilusión, tanta que de verdade comezamos a crer na milagre. Non puido ser por moi pouco, mais estivemos remando ata o último segundo, unidos. Identificácheste co equipo, coa afección, co sentimento, e iso levounos a confiar en ti, necesitábamos implicación e ti déstesnola ao cen por cen.
Pero tamén pensei o pasado sábado cando moitos seareiros aplaudían ó teu paso, que seguramente algúns deles non había catro días botaban pestes contra ti cos consabidos: “é un amarrón” ou “veña máis defensas”, mais no fútbol como na vida mesma a coherencia e a lealdade non son valores en alza, e o que hoxe loamos mañá defenestramos con total naturalidade. Recordei tamén ó grande Arsenio Iglesias, como en dous anos pasáramos dun clásico de segunda a competir con Barça e Madrid e algúns xa o tiñan no centro da diana. O noso “zorro de Arteixo” non só conseguira facer un equipazo con retais senón que gañara o respecto e admiración de todos polo seu “sentidiño” e “humildade”, e é que Arsenio, como ben di Xurxo Souto, era e é un ghaiteiro. Os grandes vense nas ocasións e aínda hoxe en día emociónome vendo a rolda de prensa do galego despois de perder a liga do maldito penalti de Djukic. Tamén perdendo dánse leccións e ninguén perdeu con tanta enteireza e dignidade como Arsenio.
Pouco despois da liga marrada, a xustiza devolveu ó deportivismo en xeral e a Arsenio en particular, o merecido premio cunha épica copa do rei (do anterior) gañada en dobre capítulo a aqueles que se encargaran de augarnos a festa un ano antes. Xa co noso primeiro título na man volveu o papanatismo, Arsenio non tiña talla para un equipo como o dépor daquel entón, comezaron a predicar os “eruditos do Marca” de sempre. E así foi que o noso Arseniño deixou o deportivo para ser substituído por John Benjamin Toshack. Máis alto, máis elegante, con maís caché e con acento británico. Xa tiñamos o adestrador de renome e estranxeiro que merecía aquel superdépor, xa os “eruditos do Marca” estaban contentos mais a ledicia destes durou pouco, o mesmo que sir J.B tardou en facer bo ó noso eterno Arsenio.
Por iso querido Fernando, quero dicirche que non tires a toalla. Que neste país temos moitos “eruditos do Marca” que desaparecen cando van mal as cousas e ven no de fóra sempre as solucións ós problemas de casa. A do deportivismo é moi grande. Non só é A Coruña, é boa parte de Galiza a que gosta de vibrar co equipo, os que estamos orgullosos del e nunca o cambiamos por atopar os “títulos express” que nos proporcionaría ser do Barça ou Madrid. Gústanos ser do dépor, gústanos que a megafonía e as locucións da celebración do ascenso falen galego, gústanos que ti fales galego nas roldas de prensa. Quédanos conseguir quitar o “L” do nome do equipo, mais todo chegará.
Este ano adestrarás un equipo de primeira, aínda que o dépor (nós, a súa afección) nunca deixamos de selo. Eu estou convencido da túa valía, porque como se demostra noutras casas (Barça ou Atlético), ter técnicos que sintan as cores, funciona.
Apertas.
Félix Jorquera