O erro de Felipe de Borbón foi en todo caso non consultarlle a vostede, recoñecida historiadora e politóloga, o que Castelao significa para Galiza. Faltoulle tempo para aclaralo, xa que como recolle o seu blog persoal, Castelao foi un xenófobo. Curioso cualificativo que, se cadra, teremos que xuntar no curriculum do de Rianxo xunto ó de intelectual, narrador, ensaísta, debuxante ou dramaturgo.
Dende logo chama a atención que fale vostede de xenofobia cando dende a asociación que dirixe leva sementando crispación e división en base a teorías que non cualificarei de xenófobas aínda que lle anden moi preto. Teorías que falan dun idioma, o castelán, que estaría en risco de desaparecer en Galiza.
Ó mellor estou equivocado, pero segundo teño entendido vive vostede en Vigo, porque se fose no Caurel, lugar fermoso onde os haxa, podería entender iso de que o castelán ten pouca presenza no noso país, sempre en canto non chegase ó seu fogar a radio, a TV, a prensa, internet, etc.
A súa lección de integración cultural baséase na teoría de que o pequeno agrede ao grande e este ten, xa que logo, dereito de defensa, mesmo de aniquilación.
Castelao foi un xenófobo, di. O pai do nacionalismo galego fala dunha raza superior, a galega, e dun país non contaminado por cruce de razas. Esa é a conclusión que saca vostede da mensaxe do “Sempre en Galiza”, mais permítame que lle diga unha cousa, ou dúas. Se exercese, tería iso do que presumimos os galegos: a perspicacia. Diste xeito tería comprendido a defensa da historia de Galiza que explica o autor. Por certo, unha historia que non está salpicada nin de barbaries, nin de invasións, nin de xenocidios. Como país invadido, Galiza tivo que soportar primeiro polas armas as imposicións administrativas e logo, como moi ben fai vostede, as culturais. A súa conclusión é sorprendente: o agresor leva a paz e a concordia e o masacrado é un violento sumamente perigoso. Esta película xa a coñecemos, é posible que mesmo sexa vostede unha amante dos western, porque no fondo a idea é a mesma: uns indios salvaxes que matan por goce e uns colonizadores que buscan o ben dos nativos.
E xa para rematar, voulle recordar o titular dun dos xornais que amplifican con máis agrado toda a súa linguaxe, é do dous de setembro de 1939 e di así: “Polonia ataca Alemaña”. O resto da historia xa a coñece, supoño.