Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo entrega os premios do IV Concurso de Medio Ambiente que bate récords de participación

cervo_respectaCervo, 5 de xuño de 2014- O Concurso fotográfico de Medio Ambiente “Cervo respecta” bateu, nesta cuarta edición, todos os récords de participación, cun total de 82 fotografías presentadas de 28 autores. Cabe lembrar que cada persoa podía concorrer con ata tres imaxes. Deses 28 participantes, 24 foron adultos, a maioría galegos, aínda que tamén chegaron imaxes de Madrid, Murcia e Asturias. En canto ás fotografías, tal e como establecían as bases, todas foron tomadas en paraxes e lugares de Galicia.

O Concello fai públicos estes datos coincidindo coa entrega de premios aos gañadores do concurso, que tivo lugar esta tarde no Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo, anexo á Casa do Concello. Unha entrega que sempre se celebra o 5 de xuño ao conmemorarse o Día Mundial do Medio Ambiente.

En canto aos gañadores, na categoría de adultos, o primeiro premio foi para Antonio Herrera Huerta, de Fuenlabrada (Madrid), galardoado por “Os acantilados de papel”, unha imaxe tomada no Cabo de Morás, en Xove. O viveirense Germán Paleo Navarro conseguiu o segundo premio coa súa “Cicloxénese”, instantánea sacada na costa ribadense de Rinlo, mentres o Top Cervo foi para o focense Alexis Chao Uria, cunha foto da praia de Cubelas.

Na categoría xuvenil, a foto “O río da vida”, tomada no río Miño ao seu paso por Lugo pola burelá Daria Bakteeva, de 15 anos, conseguiu o primeiro premio; o segundo recaeu en Uxía Treitas Barrio, de 18 anos, e a súa “Viaxeira dos crétalos”; e o Top Cervo foi para Daría Bakteeva pola súa imaxe “Vento mareiro” na que aparece a praia de Cubelas.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, estiveron presentes neste acto de entrega no que Alonso destacou “el alcance que está teniendo el concurso, con participantes que envían sus fotos desde diferentes puntos de España”. Da mesma maneira a edil considera que o certame “se va consolidando y cada año va aumentando el número de personas que participan. Muestra de ello es el récord de fotos que recibimos en esta edición”.

Ademais, Alonso resaltou a calidade dos traballos presentados, tal e como reflicten as puntuacións outorgadas polos membros do xurado, que deixaron unha clasificación moi axustada entre os gañadores dos primeiros premios. Da mesma maneira, chama a atención o número de fotos tomadas en Cervo, un total de 32, o que demostra que “en nuestro municipio contamos con parajes naturales dignos de ser fotografiados y, por supuesto, de ser cuidados y protegidos”. Un obxectivo, o da concienciación medioambiental, que é o que motiva a organización deste concurso.

Exit mobile version