Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inaugura a exposición “No digas que fue un sueño” do veciño de San Cibrao Tino Soto

Cervo, 30 de xuño de 2014.- O Concello de Cervo inaugurou esta tarde a mostra de pintura “No digas que fue un sueño” do artista local Tino Soto, que se pode ver na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o 11 de xullo. Unha colección de retrospectiva, que recolle multitude de obras que son unha mostra da súa longa traxectoria artística.

En concreto, os cadros de Tino Soto exaltan especialmente a figura feminina, representada a través de personaxes vitais, coloristas e con forza, fronte a homes máis grises e apagados. Tamén están moi presentes os peixes e as flores, mentres o estilo pictórico é de clara inspiración surrealista. O cine clásico americano tamén é unha fonte de creación para o artista así como o mundo da moda.

No caso desta mostra, adopta o título dunha das pezas principais da colección, “No digas que fue un sueño”. Un cadro que leva o mesmo nome que a novela de amor de Terenci Moix e que está inspirado nela.

En canto ao autor, Tino Soto é un veciño de San Cibrao, moi querido e recoñecido e que foi un dos principais impulsores da Maruxaina e tamén o autor de multitude dos carteis anunciadores desta festa. Nacido en Xixón en 1946, traballou como debuxante, deseñador, especialista en creación de imaxe, publicista ou decorador.

No acto de inauguración estivo presente a edil de Cultura, Begoña Alonso así como o propio artista. A edil asegurou que “es un honor para el Concello poder dar cabida a las obras de un gran artista y además vecino tan implicado en la vida social y cultural del municipio como Tino Soto”.

A mostra estará aberta ata o 11 de xullo de luns a venres en horario de 9 a 15 e de 17 a 20 h. na sala de exposicións da Casa da Cultura.

Exit mobile version