A CIG-Saúde, que tivo acceso a un prego de condicións que circula internamente pero que non foi sequera publicado no DOG, denunciou esta mañá en rolda de prensa a inminente privatización das unidades de esterilización dos hospitais do SERGAS. Alerta de que, segundo este prego, unha vez privatizadas estas unidades será practicamente imposíbel a súa reversión ao sistema público e que se provocará unha descapitalización tanto do coñecemento, como dos equipamento sanitarios, que pasarán a depender por completo da empresa adxudicataria.
A CIG-Saúde tiña constancia de que xa estaba a circular ese prego no que se recolle o alcance da privatización das unidades de esterilización dos hospitais do SERGAS e as condicións que deberá cumprir a empresa adxudicataria na prestación do servizo de xestión integral de esterilización. Agora que tivo acceso ao seu contido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, afirma que “veñen a confirmarse os nosos peores temores”.
Atendendo ao alcance, apunta que segundo o prego “a empresa deberá aportar as instalacións, equipamento, persoal, material e produtos necesarios para realizar o proceso”. Subliña ademais que no punto 5.2.1., sobre medios humanos, figura que o adxudicatario deberá incorporar para a prestación do servizo todo o persoal que sexa necesario para desenvolver o correspondente traballo e denuncia que “isto vai supor a amortización de 157 postos de traballo na sanidade pública”.
Ante isto, a CIG-Saúde pregúntase a onde vai destinar o SERGAS a este persoal e advirte de que coa súa recolocación noutras unidades ocuparanse prazas do sistema desprazando a persoal contratado interino e incrementándose así o paro no sector sanitario. Alén diso, a consecuencia será, segundo secretaria nacional, “a descapitalización do coñecemento”.
Descapitalización de equipamentos sanitarios
A isto engade tamén a advertencia da “descapitalización dos equipamentos sanitarios” que se vai provocar, xa que segundo o prego, no punto 6.4 dise que “se obriga ao adxudicatario, durante toda a vixencia do contrato, á actualización/renovación das instalacións e do equipamento empregado para a prestación do servizo” e no punto 7, sobre xestión de instrumental, engádese que “ao inicio da prestación do servizo o SERGAS porá ao dispor do adxudicatario, para a súa xestión e custodia, todo o instrumental reutilizábel que sexa da súa propiedade, que xunto co resto do resto de material que subministrará o adxudicatario, pasará a formar parte do inventario inicial que deberá estar sempre actualizado”.
Neste mesmo punto recóllese tamén que a partir de aí todo o instrumental será reposto pola empresa privada. Para a secretaria nacional de CIG-Saúde a consecuencia será que “en vez de gastar o diñeiro público en renovar o material que precisa o sistema sanitario, con eses cartos pagamos a unha empresa privada para que faga a reposición dos seus propios efectivos”.
A CIG-Saúde alerta de que con estas premisas a privatización do servizo de esterilización será “irreversíbel” pola propia descapitalización do patrimonio. “O SERGAS non vai investir cartos en repor o material e ademais vai ser todo de propiedade da empresa. O material que hoxe ten o SERGAS, dentro de 8 anos estará obsoleto e todo o material novo será da empresa privada”.
Ante isto, e dado que xa circula internamente o devandito prego e que se está provocando unha enorme situación de incertidume, non só nos traballadores de esterilización, senón tamén no resto dos servizos, a CIG-Saúde exixe da consellaría de Sanidade, primeiro, a inmediata paralización do proceso de privatización e, en todo caso, que se faga público este prego de condicións, cos seus prazos e demais.
CIG-Saúde lembra que a privatización destas unidades foi anunciada no DOUE o pasado 2 de xaneiro e que tras coñecer este anuncio as e os profesionais, de forma unánime, rexeitaron a privatización dun servizo “esencial e de alta calidade tal e como se está prestando na sanidade pública”, xa que, de feito, estas unidades teñen recoñecida a ISO 9001 de calidade.
Abuín sinala que o pasado 23 de maio a CIG-Saúde remitiu un escrito á conselleira de Sanidade para solicitarlle que se anulara o concurso de privatización e demandando que, “en aras a esa transparencia da que tanto fan alarde”, se fixese público o prego de condicións no DOG”. Unha publicación que entende que debe ser inmediata para que “por unha vez, actúe coa transparencia que se lle debe exixir a toda administración pública”.
Desemprego no sector sanitario
María Xosé Abuín denunciou tamén, na rolda de prensa, as consecuencias das medidas de recorte orzamentario e o peche de camas durante 4 meses. “Están a provocar un incremento do desemprego no sector sanitario, que non é comparable a ningunha época do SERGAS”.
Abuín acusa ao goberno do PP e a consellaría de Sanidade de ser “parte do problema do paro” e de non publicar os datos das contratacións que realiza para que estes datos non se coñezan.
Por iso a CIG-Saúde realizou uns cadros nos que se recollen as porcentaxes de contratación que o SERGAS realizou a data 22 de maio de 2014, en relación ás persoas inscritas nas listaxes de selección temporal. “Fáltanos un dato importante, que é coñecer o tipo de contrato que teñen estas/es traballadoras/es”, matiza. “Nese dato reflectiríase a alta taxa de precariedade laboral que reina no SERGAS”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde conclúe que “con estes datos poden presumir de pechar camas ou de reducir o nivel da contratación. Vostedes sigan facendo méritos para descapitalizar a sanidade pública”.