Site icon Crónica3.com A Mariña

Costas comezará a semana que vén a acondicionar as praias de Cervo de cara á temporada de baño

traballos_praiasCervo, 2 de xuño de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Turismo, Begoña Alonso, percorreron este luns os areais do municipio xunto ao xefe provincial do Servizo de Costas, José Miguel Estevan Dols, para avaliar o estado actual das praias e establecer as actuacións necesarias para acondicionalas de cara á temporada estival.

Desta maneira, Costas anunciou que a semana que vén iniciará os traballos para recuperar o perfil de verán dos areais cervenses, especialmente despois dos virulentos temporais que nos meses de inverno afectaron ás costas galegas. No caso das praias de Cervo, o Servizo de Costas realizara hai uns meses algunhas tarefas de urxencia, centrándose naquelas que podían afectar á seguridade como foi o caso de restauración de balaustradas e varandas do paseo marítimo.

Estes traballos de acondicionamento permitirán que as praias estean a punto e en perfecto estado para a temporada de baño, momento no que se porán en marcha outros servizos como o de socorrismo. Unhas tarefas das que antes se encargaba a Deputación pero das que o actual goberno bipartito se desentendeu.

De feito, o Concello ten enviado numerosos escritos pedíndolle colaboración ao Goberno Provincial que, ou ben non eran respondidos, ou ben a axuda era denegada. Por iso, na actualidade o Concello de Cervo opta por solicitar axuda a Costas, ao coñecer de antemán que á Deputación “no le preocupa el estado de las playas de Cervo”, remata Alonso.

Exit mobile version