O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que “a demanda de prazas para realizar as actividades desta fin de semana superou de novo todas as expectativas. É un orgullo ver como nos últimos años a Mariña tamén é un referente do surf, onde nos últimos cinco años naceron clubes e afeccionados de todas as idades. Confirmado que organizaremos un 5º Surf-Camp o próximo ano”. O titular provincial quixo destacar tamén que “parte deste éxito reside na decisión de duplicar as horas de formación dirixidas ás familias e ó público en xeral”.
O tempo hoxe non acompañou pero aínda así, centos de persoas chegadas de Avilés, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Lugo capital, entre outros, desprazáronse ata a praia da Rapadoira en Foz para aproveitar o último día de actividades do Surf-Camp, a única oportunidade que hai en España para aprender de xeito totalmente gratuíto e través da elite do Surf cales son as claves para facer este deporte.
Entrega de premios
A 4ª edición do Surf-Camp rematou este domingo día 29, despois dunha fin de semana chea de actividades e emocións. Entre ás 12:00 e ás 14:00 horas, os mellores surfeiros de Europa, acompañados de monitores, ensináronlle a centos de persoas as técnicas para surcar as ondas da maneira máis axeitada posible. Ás 14:00 horas celebrouse a entrega de premios, na que participou a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo. Nesta edición os gañadores foron os irmáns Samuel e Carla Ferreiro Fernández; Iván Gegunde Vecino e Daniel Rego Aira, todos eles menores de 14 anos.