Lugo, 8 de xuño de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, subliñou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a investir arredor de 730.000 euros en proxectos de modernización e posta a punto das instalacións de 41 dos centros educativos da provincia.
Trátase de proxectos de substitución de cubertas, reformas de pavillóns, comedores ou aseos, ou de reparacións xerais e inspeccións de instalacións que se desenvolven en colexios e institutos das diferentes comarcas. Prevese que todos os traballos estean rematados para o inicio do vindeiro curso.
Raquel Arias subliñou que estas actuacións son unha proba máis da aposta da Xunta pola mellora dos centros educativos, co obxectivo de “ofrecer unha educación pública de calidade e moderna, tanto nos contidos e ferramentas de aprendizaxe como no que se refire ao estado das instalacións”.
Segundo destacou Arias, máis do 50% dos proxectos xa están executados e o resto teñen data prevista de finalización en setembro deste ano, de xeito que se acometan as obras durante as vacacións para non interferir co normal desenvolvemento do curso escolar.
Varias das obras rematadas foron incluídas de urxencia debido aos danos causados polos distintos temporais do pasado inverno, que afectaron especialmente ás cubertas e obrigaron tamén a reparar outros elementos.
Así ocorreu especialmente na Mariña, onde foi necesario actuar sobre diversos elementos no IES de Foz, no Vilar Ponte de Viveiro e no Perdouro de Burela, así como nos colexios Fondo Nois de Foz, Gregorio Sanz de Ribadeo, Santa María do Valadouro, Santa Rita de Galdo de Viveiro e no CEIP de Cervo.
Na zona centro executáronse reformas no peche do IES Anxel Fole de Lugo ou na escola de educación infantil e no CEIP Fray Luis de Granada de Sarria. O CEIP Antonio Insua de Vilalba, os CEIP de Antas de Ulla, As Nogais, Samos ou A Gándara, en Monforte de Lemos, son outros dos centros nos que xa remataron as reparacións e obras previstas.