Site icon Crónica3.com A Mariña

España: Nin proxecto nin identidade

CADERNOS DA VIAXE. A España da transición batía récords de paro e aturaba un sistema fiscal inxusto e uns equipamentos e renda “per capita” moi inferiores á media europea. As desigualdades eran ferintes e o acceso aos servizos públicos moi deficiente. Porén, existía un proxecto común, basicamente alicerzado na estrea das liberdades,na integración europea, na superación da crise económica e no común degoiro no acceso xeralizado á educación e aos demáis servizos públicos. Os españois descobriron horizontes máis anchos e percorreron un longo treito no que atinxe ao recoñecemento dos dereitos da muller e das persoas homosexuais. Mesmo semellaba que os españois ían abrirse a outras culturas, principiando polas culturas nacionais catalá, vasca e galega coas que coexistían.

Foi éste un periodo que rematou por volta da crise do 1992-1993, da que España sairía en 5 ou 6 anos con non poucos sacrificios e damnificados. Entre eles a vinculación directa dos sectores regulados privatizados por Aznar e González coas elites madrileñas. A maioría absoluta do PP representou, no que atinxe aos valores e principios xeralmente aceptados, unha volta á España única e cañí, malia que coa fachenda da “España va bien”.

Velaí que, asulagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, no se advirten os bimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas. Mesmo nin existe consenso a respecto das reformas fiscais a desenvolver ou da diagnose sobre os efectos das actuais desinsdustrialización e emigración das xeracións novas e estudadas.

Estes trinta e tantos anos de convivencia non construiron unha identidade comùn española que trascendera daquela España uniforme, taurina e cañí dos anos 60 do século pasado. É verdade que temos unha parte da historia común e partillamos importantísimos vencellos sociais, económicos, culturais e familiares. Mais u-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Real Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia?

Hoxendía España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común.

Exit mobile version