Site icon Crónica3.com A Mariña

Forzas sociais e políticas chaman a manifestarse o vindeiro xoves por outro modelo de Estado

A Mariña, 17 de xuño de 2014. Diversas forzas sociais e políticas chaman a unha mobilización o vindeiro xoves, 19 de xuño, coincidindo coa data de coroación de Felipe de Borbón como novo rei de España.

Os colectivos convocantes dan este paso en réxime de autoconvocatoria e chaman á sociedade mariñá a manifestarse nunha situación histórica, na que a xente está privada de voz nun momento no que se leva a cabo un cambio de caras para salvar unha monarquía en descomposición afectada por numerosos casos de corrupción.

Os convocantes entenden que é o momento de rachar cun réxime caduco no que as persoas e os pobos deben estar no centro das decisións e apostan por un novo modelo no que o protagonismo sexa para o dereito a decidir das persoas e dos pobos.

A mobilización aposta polo dereito a decidir e reclaman a apertura dun novo proceso que se poida considerar democrático, con participación e a construción dun novo modelo no que as realidades nacionais sexan pedra angular, un proceso democrático que inclúa o dereito de autodeterminación co obxectivo último de acadar a república galega.

Coincidindo con outras mobilizacións convocadas en vilas e cidades galegas, así como en Euskadi e Cataluña, A Mariña fai a convocatoria a toda a comarca para as 20:30h. da tarde do vindeiro xoves 19 na Praza da Mariña, en Burela. Na mobilización realizaranse accións simbólicas que reflictan a caducidade dun réxime que cada vez representa a menos cidadás e cidadáns.

Exit mobile version