Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia Solidaria asegura que “a Xunta incumpre o III Plan Director da cooperación galega dous meses despois da súa aprobación no Parlamento”

Santiago de Compostela, 5 de xuño. A Xunta de Galicia está a incumprir o III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 (III PD) dous meses despois da súa aprobación no Parlamento cos votos en contra de toda a oposición. Segundo a orde publicada o 30 de maio no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se aproban as bases de subvencións para proxectos de cooperación, o goberno recorta un 5% o orzamento comprometido e elimina a posibilidade de financiar proxectos a dous anos, un feito que non acontecía dende hai máis dunha década.

Precisamente este segundo feito é o que máis preocupa ás ONGD galegas. De forma unilateral, a Xunta decidiu eliminar os compromisos para 2015 e financiar proxectos anuais que terán que rematar antes do 31 de decembro de 2014: dentro de sete meses. As ONGD galegas traballan en países empobrecidos xunto con outras organizacións locais que contan con planificacións a longo prazo baseadas nos compromisos do goberno galego. Iso implica que as previsións están feitas a dous anos vista, segundo os orzamentos aprobado pola Xunta. E que se aposta por traballar baixo criterios de eficacia e eficiencia, é dicir, cara a “xeración de cambios positivos e sostibles nas condicións de vida das persoas nas comunidades e países socios”, segundo establece III PD. Pero ningunha destas dúas cuestións será viable coa orde publicada no DOG porque non hai compromisos económicos para 2015 e os proxectos a longo prazo non serán financiados. Un feito que influirá de forma directa na calidade e eficiencia das intervencións e, polo tanto, nas condicións de vida das comunidades coas que se traballa.

Incumprimento do III Plan Director
En 2014, e por sexto ano consecutivo, o orzamento da cooperación galega verase recortado malia os compromisos do goberno. Dos 4,1 millóns de euros aprobados polo consello da Xunta para 2014 (a cifras máis baixas da historia da cooperación galega dende 2002) pasarase a 3,9. Con este novo recorte a Xunta está a incumprir o III PD, un documento que marca a política pública de cooperación para os vindeiros catro anos e que establece que “co fin de garantir a solvencia financeira da cooperación galega e a previsibilidade dos seus recursos orzamentarios este Plan Director define un mínimo de fondos en relación ao financiamento do programa operativo 331A de cooperación ao desenvolvemento da Lei Xeral de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014”. É dicir, un orzamento mínimo de 4,1 millóns de euros para a Subdirección Xeral de Cooperación que, tras o novo recorte, será de 3,9.

Ante un contexto que cada vez máis pon en perigo a calidade da cooperación galega, as ONGD esixen ao goberno da Xunta que cumpra os compromisos políticos asumidos no Parlamento e no Consello da Xunta. Reclaman que a política pública de cooperación en Galicia non se debilite, aínda máis, coa escusa da crise económica. E solicitan ao executivo que faga efectivo os compromisos a longo prazo establecidos no III Plan Director, un documento que se autodefine como “unha ferramenta útil e realista que permitirá a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos nosos países socios”.

Postura das ONGD ante o III Plan Director
As ONGD galegas esixen o cumprimento do III PD malia ter votado en contra do seu contido a finais de 2013 por consideralo un documento de mínimos. Uns mínimos que a día de hoxe xa se están a incumprir.

As ONGD non apoiaron este Plan, entre outros motivos, porque reduce o número de países prioritarios para a Cooperación Galega deixando fóra da estratexia de cooperación Guinea Bissau e Haití, dous Países Menos Adiantados (PMA) onde as ONGD teñen experiencia de traballo e onde a día de hoxe aínda hai proxectos en marcha. Ademais, o Plan non marca un horizonte orzamentario: limítase a establecer un mínimo anual de 4,1 millóns de euros, unha cifra insuficiente, e aínda menor adía de hoxe, que non permitirá cumprir os compromisos marcados no Pacto Galego contra a Pobreza a favor dunha política pública de calidade.

As ONGD tamén votaron en contra da aprobación do III Plan Director establece que os outros axentes (empresas, universidades e sindicatos) participen en todas as convocatorias públicas, aínda que ata o de agora non se ten estudado a súa viabilidade. Esa participación será a costa dos fondos que ata o de agora se destinaban ás ONGD e non mediante unha maior dotación orzamentaria.

Neste sentido é importante especificar que as ONGD son organizacións de base que defenden na súa misión, visión e traballo diario a promoción dos dereitos das persoas e a loita contra as desigualdades. E que este obxectivo non é unha liña estratéxica máis ou unha consecuencia indirecta do seu traballo. É a misión fundamental e un valor engadido que as diferencia do resto de axentes de cooperación e que as lexitima para seguir a ser as principais receptoras de fondos da cooperación galega para a posta en marcha de procesos de desenvolvemento.

Exit mobile version