Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran experiencia para os infantís do Kayak de Foz

Esta pasada fin de semana, en augas do río Douro, ao seu paso por Zamora, disputouse a Copa de España 3000 m para categoría infantil nas modalidades K1, K2 e C1 e C2. O Club Kayak de Foz, único representante da provincia Lugo, finalizou a Copa no posto 54 dos 74 clubs inscritos procedentes de toda a xeografía nacional.

O equipo que presentou o Kayak estaba formado polos seguintes regatistas:
– Barcos K1
Xoel García Neira, Infantil B
Noel García Edrosa, Infantil A
Juan Rivas Rodríguez, Infantil A

– Barco K2
Noel García Edrosa, Infantil A
Juan Rivas Rodríguez, Infantil A

Entre os inscritos nesta Copa de España, figuraban os podios das distintas categorías do pasado Campionato de España disputado en Trasona (Asturias) a finais do pasado mes de maio, todo un signo do gran interese que suscitaba esta proba entre os distintos clubs participantes.

Con 19º de temperatura e un ceo despexado, daban comezo as regatas desta Copa de España, sendo as mozas infantís B en K1 e as infantís A e B en C1 as que rompían as hostilidades ás 10:00 da mañá. A participación dos palistas do Kayak comezaría media hora máis tarde, ás 10:30 horas, na regata infantil B K1, coa participación de Xoel García, o vixente Campión de España de 3000 metros.

Final Infantil B K1
Con dez minutos de atraso sobre a hora prevista, os 98 infantís B participantes nesta saída ocupaban os case 130 metros de ancho que ten o Douro na liña de saída. Logo duns interminables segundos deuse a saída lanzada a regata. As forzas foron colocando a cada un no seu sitio, deixando na cabeza do grupo aos favoritos para gañar a regata: Adrián García da Escola Placentina, Gabriel Pachón do Ribeiras do Tambre, José Peral do Lipasam sevillano (prata no campionato de España), Xoel García do Kayak e Miguel Serrano do Villaviciosa. Estes cinco regatistas abriron fenda co resto de participantes chegando á liña de meta nun apertado sprint, deixando fóra de control a 30 regatistas.

Ao final a vitoria levouna o palista da Escola Placentina, Adrián García, quedando Gabriel Pachón do Tambre segundo a 3 segundos e o sevillano José Peral terceiro a 4 segundos do coruñés do Tambre. O representante do Kayak, Xoel García, conseguiu un máis que importante cuarto posto a tan só 2.8 segundos de José Peral.

Final Infantil A K1
Ás 12:30, logo de múltiples avisos de penalización a regatistas adiantados por parte dos árbitros, dábase a saída á última regata matinal, a Final infantil A K1. Os 140 infantís inscritos abarrotaban a liña de saída. Era a quenda de Noel García Edrosa e Juan Rivas. A saída, non exenta de empurróns e golpes, foi moi emocionante, ninguén quería perder a súa posición obrigando aos regatistas a empregarse a fondo nos primeiros 750 metros do percorrido.

A primeira ciaboga empezou a situar a cada un no seu lugar, formándose un grupo de cabeza que rapidamente destacouse do resto e entre os que estaban o campión, o subcampión e o terceiro clasificado no pasado Campionato de España. O que máis e o que menos buscaba a súa posición, así Juan Rivas situábase no centro do paquete, lugar que non abandonaría ata a liña de meta, ocupando un estupendo posto 50 a 2:45 do vencedor, Fran Silva do Portonovo. O peor foi que unha forte dor nun ombreiro obrigaba a retirarse a Noel García na primeira volta ao circuíto. Esta situación acendeu todas as alarmas na expedición focense xa que neses momentos perigaba a participación do K2 do Kayak na final infantil A K2 das seis da tarde.

Final Infantil A K2
Logo de recuperar forzas e un bo descanso, ás seis da tarde, dábase a saída á última regata da tarde, a final infantil A K2. Nesta ocasión eran 65 barcos os que ían competir pola Copa 3000 na modalidade de K2. A tripulación de Foz, formada por Juan Rivas e Noel García, saía ao auga a dalo todo, pero sabendo que non ían competir polas primeiras prazas. Unha vez dado o pistoletazo de saída, tralos primeiros douscentos metros e en cuestión de segundos, sucedeu de todo, volcos, pas que voaban de barco a barco, piques entre os distintos equipos, embotellamentos que obrigaban ata a parar a un numeroso grupo de piraguas… Aos poucos foise liquidado este embotellamento continuando a regata polas canles normais.

O K2 do Kayak foise atopando cada vez máis cómodo, disputando unha boa regata. Na cabeza destacábase a parella de Verducido Diego García e Samuel Villanueva, lugar que ocuparía na liña de meta con 4.5 segundos de vantaxe sobre a segunda tripulación formada por Hugo Cueto e Álvaro González do CP A Llongar. A terceira praza foi para Carlos Fernández e Pablo Solís do Círculo Mercantil de Sevilla a tan só dous segundos da tripulación da Llongar.

O K2 de Juan Rivas e Noel García acabou regata ocupando un máis que digno posto 31 a 2:06 do barco de Verducido.

Copa de España “Novas Promesas” Infantil 3000 metros
Resultados e Clasificacións

Final Infantil B K1
Distancia 3000 metros

1.- Adrián García, Escuela Placentina de Piragüismo, 14:17.410
2.- Gabriel Pachón, C Riberas do Tambre-Ternera Gallega, 14:20.970 a + 00:03.560
3.- José Peral, CP Lipasam, 14:24.960 a + 00:07.550
4.- Xoel García Neira, CLUB KAYAK FOZ 14:27.790 a + 10.380
ata 99 inscritos

Final Infantil A K1
Distancia 3000 metros

1.- Francisco Silva, CP Portonovo, 13:59.730
2.- David Ribeiro, CP Portonovo, 14:01.880 a + 00:02.150
3.- Samuel Villanueva, CP Verducido-Pontillón, 14:22.940 a + 00:23.210

50.- Juan Rivas Rodríguez, CLUB KAYAK DE FOZ, 16:45.380 a + 02:45.650
Noel García Edrosa ABANDONO
ata 140 inscritos

Final Infantil A K2
Distancia 3000 metros

1.- Diego García e Samuel Villanueva, CP Verducido-Pontillón, 12:51.610
2.- Hugo Cueto e Álvaro González, CP La Llongar, 12:56.130 a + 00:04.520
3.- Carlos Fernández e Pablo Solís, SD Círculo Mercantil de Sevilla, 12:57.630 a + 00:06.020

31.- Juan Rivas e Noel García, CLUB KAYAK DE FOZ, 14:58.420 A + 02:06.810
ata 65 embarcacións inscritas

Clasificación por Clubs
1.- CLUB AS TORRES-ROMERIA VIKINGA DE CATOIRA, 1941 puntos
2.- CLUB ESCUELA PIRAGÜISMO ARANJUEZ, 1602 puntos
3.- CLUB NAUTICO DE SEVILLA, 1469 puntos

54.- CLUB KAYAK DE FOZ, 218 puntos
ata 74 clubs inscritos

As próximas citas do Club Kayak de Foz son a 4ª Regata da IV Copa Deputación Lugo 2014 o próximo día 6 no embalse de Río Cobo para todas as categorías do club e o Campionato Galego de 3000 metros Infantil en Boiro o día 13 de xullo.

*Fotografía: Thornado 2014.

Exit mobile version