Poucas veces coma nesta fomos quen de albiscar o poder real de determinadas elites, hoxe vencelladas ás empresas do IBEX 35 e, por vez primeira, á propiedade dos principais grupos mediáticos madrileños e das principais TV privadas estatais. Porque é evidente que foi Rajoy e non Felipe VI quen marcou os contidos da mensaxe real e os tempos dos actos de proclamación. Mais Rajoy, canda Rubalcaba, actuou como intérprete do Sanedrín que axiña enfriou a pulsión de cambio que latexaba e mesmo latexa en sectores importantes da base social do PP e do PSOE. As elites financeiras e mediáticas madrileñas queren, como moito, moi pequenos retoques. Mesmo até semellan refugar de reformas lampedusianas. Por eles non haberá nin reformas institucionais cosméticas.
Deste xeito, o Xefe do Estado introduciu tres agradecementos en galego, catalán e euskera, cousa que nunca foi quén de facer o seu pai. Mais introducíunos ao fío das ideas de “unidade e non uniformidade” e “linguas rexionais que son unha riqueza para todos”. Ideas que pertencen á realidade da España preconstitucional e que son impropias para definir a percepción dun Xefe de Estado da nosa xeración a respecto das nacionalidades.
Como tamén foi impropia a apelación á súa xeración-que tamén é a miña- para reactivar un suposto rexeneracionismo que non se albiscou noutras partes da mensaxe real, fóra de xenéricas apelacións á honestidade.
Máis do mesmo. Iso si, contado dende a máis absoluta unanimidade dos grandes “media” madrileños. Dende hai algúns meses, noutros casos xa anos, directamente controlados polas elites financeiras da España cañí.
Xoán Antón Pérez-Lema