Site icon Crónica3.com A Mariña

Nace Acordanzas, unha nova sección web da Rede Museística Provincial para divulgar obras e autores senlleiros

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, aproveitou para anunciar na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial a nova sección do espazo web da Rede Museística Provincial, denominada Acordanzas, que nace para, coa desculpa dunha efeméride, divulgar obras e autores senlleiros con obra representativa no Museo Provincial de Lugo.

Segundo explicou Antonio Veiga “aproveitando a circunstancia de cumprírense este 5 de xuño de 2014 cento sesenta anos da morte de Jenaro Pérez Villaamil e Duguet (Ferrol, A Coruña, 3 de febreiro de 1807 – Madrid, 5 de xuño de 1854), a dirección e o departamento de Belas Artes do Museo de Lugo, coa colaboración doutros departamentos da Rede Museística da Deputación de Lugo, propoñen relembrar a obra e a figura do ilustre pintor ferrolán. E isto materialízase botando a andar un servizo on line para facilitar o achegamento tanto documental como físico ás salas do museo onde se expón a obra do homenaxeado”.

A Rede Museística Provincial xunto coa Vicepresidencia da Deputación traballan arreo ao longo de todo ano para lembrar aos artistas galegos celebrando efemérides relacionadas coas súas biografías, resaltar temporalmente certas obras da exposición permanente en función do aniversario que coincida, alternar obra en reserva para acompañar na exposición permanente ou traer outra nova prestada, divulgar e achegar ao noso público aspectos alternativos da arte e dos artistas a través das obras.

Ese traballo complétase coa presentación de novas actividades co gallo de aniversarios relevantes de creadores presentes no Museo para fomentar unha entidade viva e dinámica. Neste sentido Veiga explicou que “o uso das novas tecnoloxías, e nomeadamente, da web do Museo como plataforma divulgativa é esencial para deixar constancia de todas as obras dos artistas homenaxeados existentes nos fondos do Museo accesibles para todos os usuarios on-line”.

Subvencións a clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas
Noutro orde de cousas, o vicepresidente da Deputación aprobouse a concesión de subvencións de concorrencia non competitiva a clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas da provincia de Lugo para os gastos de temporada pola súa participación en ligas ou campionatos oficiais federados por equipos de 1ª ou 2ª categoría absoluta estatal, ano 2014.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación precisou que “esa liña de axudas en concorrencia non competitiva tiña dous bloques, o primeiro deles, o aprobado hoxe, enmarca as Sociedades Anónimas Deportivas, nomeadamente o Club Deportivo Lugo e o CB Breogán SAD, que perciben 260.546,87 e 464.453,13 euros, respectivamente”.

As axudas do segundo bloque, que se aprobarán na vindeira Xunta de Goberno da institución provincial, enmárcanse o resto dos clubs: o Burela FS, o Azkar de Lugo, o Emevé, o Ensino, e o Friol.

“É unha boa nova para todos os clubs que as liñas de axuda da área de Deporte da Deputación de Lugo sigan en marcha e o seu curso, cubrindo así moitas expectativas económicas que teñen os clubs, converténdonos, unha vez máis, nunha das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente” – concluíu o vicepresidente.

Exit mobile version