Burela, 16 de xuño de 2014. Do 18 ao 25 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para participar nas actividades de verán que organiza a Concellería de Xuventude e Deportes de Burela. Están destinadas a nenos e nenas nados entre os anos 2002 e 2009.
Este ano ofértanse patinaxe, xogos na praia, baloncesto e xogos multideporte. As actividades, que se desenvolverán no Ceip Virxe do Carme e na praia urbana, levaranse a cabo de luns a venres de 11 a 12:30 para o grupo de nenos de 5 a 7 anos e de 12:30 a 14 horas para os rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. Iniciaranse o 1 de xullo e rematarán o 28 de agosto.
Segundo explica a concelleira de Xuventude e Deportes, Beatriz Piñeiro, “en todas as actividades existe un número máximo de prazas para asegurar o correcto funcionamento dos grupos, así coma un mínimo para poder levalas a cabo. O grupo de 5 a 7 anos contará con 15 prazas e o grupo de 8 a 12 disporá de 20 prazas. A adxudicación das mesmas farase por rigoroso orde de inscrición”. A fichas deben entregarse no Concello do 18 ao 25 de xuño a partir das 8:30 horas. O 27 de xuño farase pública a lista de admitidos. Piñeiro lembra que “todo aquel que non teña formalizada e entregada esa ficha nas datas indicadas non poderá asistir ás actividades”.
Os luns será o día para a patinaxe, martes e venres para disfrutar de xogos na praia, os mércores será o día do baloncesto e o xoves a xornada estará dedicada aos xogos multideporte.