Site icon Crónica3.com A Mariña

Nove bandas galegas para o festival Vraó que se celebrará en Foz entre o 11 e o 12 de xullo

O venres 11 e sábado 12 de xullo terá lugar o primeiro proxecto de Ó!Cultural, un festival de música
independente galega que se desenvolverá en diferentes localizacións de Foz, co patrocinio de
determinados establecementos hostaleiros da vila e tamén da A.C.I.A., o Concello de Foz e a Deputación
de Lugo.

O nome que dende Ó Cultural! eliximos para este primeiro evento é simplemente VRAÓ!, sen máis, porque consideramos que esta palabra ten a suficiente forza e significado como para transmitir todo o que desexamos, xa que é un termo con moita carga identitaria para a nosa zona.

Co porto como escenario protagonista e coas localizacións irmás das rúas Illa Nova e Concello de Sarria, a vila tinguirase de música durante dous días que prometen ser máxicos.

Un dos puntos máis atractivos do festival é que será de balde, cuestión que supón un importante esforzo
por parte da asociación e dos colaboradores. Neste sentido, VRAÓ! é unha combinación gratuita de sons,
identidade, sabores e paisaxe. É unha recuperación da música na rúa como elemento de igualación social
e de desfrute. É unha aposta polo pequeno formato como signo distintivo de calidade, rigor e encanto. É
unha achega pequena pero moi representativa ao que está a acontecer musicalmente en Galicia nos
últimos tempos, que é moito.

VRAÓ! son 5 escenarios polos que pasarán 9 bandas integramente galegas.

Venres 11 de xullo:
Grampoder (escenario A Maseira)
The Lost Omelette Makers (escenario A Maseira)
Sub Rosa (escenario Namarinos)

Sábado 12 de xullo:
The Loopholes (escenario Pachán Club)
Trilitrate (escenario Rente Ao Mar Ese Camiño)
Caxade (escenario Rente Ao Mar Ese Camiño)
Djalminha (escenario Trás!)
El Monstruo (escenario Trás!)
Unicornibot (escenario Trás!)

Os horarios están suxeitos a posibles cambios pero, con carácter xeral, o venres ocuparán a franxa entre as 22.00 horas e as 02.30 horas e o sábado entre as 20.00 horas e as 03.30 horas.

O escenario “A Maseira” está patrocinado polo Bar A Maseira. O escenario “Namarinos” polo Pub
Namarinos. O escenario “Pachán Club” polo Bar A Rambla. O escenario “Rente ao mar ese camiño” polos
bares O Lar e A Funcional. E o escenario “Trás!” polo Bar O Muelle e Pub Namarinos.

VRAÓ! é o primeiro round no combate que libra de forma moi consciente a favor da cultura do país.
VRAÓ! é a volta ao lugar que nunca debimos deixar.

Exit mobile version