Un Taller de Teatro que se estivo desenvolvendo todos os venres de abril, maio e xuño e ao que asistiron 30 nenos e nenas de primaria, os mesmos que hoxe ofreceron a representación de clausura. Durante estes meses, o alumnado participou en diversos xogos de interacción cos compañeiros e outras actividades para perder o medo escénico ou aprender algúns trucos de interpretación, así como ensaiar a obra final.
Uns nenos que tamén participaron no Un, dous, tres avós e netos, no que ofreceron varias coreografías ao son da música dentro das actuacións do programa.
Con esta clausura, o Taller de Teatro Infantil de Primavera aproveitou para presentar a súa constitución como Grupo Municipal de Teatro “Pimpim”. “Dende que comezamos con esta actividade, hai xa dous anos, foron moitos os nenos e nenas que se apuntaron e que temporada tras temporada seguen repetindo, polo que quixemos crear o grupo municipal para darlle continuidade no tempo procurando que os nenos sigan tendo un vínculo co teatro”, asegura a edil, Pilar Armada.