Site icon Crónica3.com A Mariña

O Arco da Vella animará o inicio da tempada 2014 do Mercado dos Domingos de Ribadeo este 29 de xuño

Ribadeo, 27 de xuño de 2014.- A nova tempada do Mercado dos Domingos arrinca o 29 de xuño. Serán 12 os postos que se instalen nas inmediacións da praza de abastos de Ribadeo desde este domingo ata finais de setembro. O Mercado dos Domingos está organizado pola asociación de produtores de horta A Sucadoira e polo Concello ribadense.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, sinalou que “como cada ano, ás portas do verán, cando xa os produtos de horta están no seu mellor momento, Ribadeo retoma ese mercado dos domingos organizado pola asociación de produtores locais de horta A Sucadoira e o Concello de Ribadeo, co que se quere achegar os produtos ao consumidor dun xeito directo. Sempre dicimos que van directamente do produtor á mesa”.

A edil nacionalista indicou que “buscamos poñer en valor iso propio, esa economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada. Con isto procuramos que todos eses produtos de proximidade estean ao alcance dos veciños e veciñas de Ribadeo, pero tamén ao alcance dos que nos visitan nestas datas. Son todos eles da zona, entre os que podemos atopar desde produtos de horta ata queixos, embutidos, coitelería, conservas, pan, ostras… O mercado dos domingos será, como cada ano, arredor da praza de abastos cada domingo ata finais de setembro”.

Ana Martínez engadiu que “pode todo o mundo achegarse a Ribadeo, non soamente os visitantes senón tamén os veciños e veciñas do municipio para adquirir estes produtos que teñen o valor do propio e do próximo. Así este ano para celebrar a apertura, que xa será este próximo domingo, acompañaranos o grupo de gaitas Arco da Vella e queremos convidar a todos os veciños e veciñas da contorna así como a tódolos visitantes que se achegan a Ribadeo, e que xa empezan a ser moitos, a vir este domingo a disfrutar e a pasalo con nós”.

Exit mobile version