Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG analiza este venres na Mariña o borrador do decreto de primeira venda de produtos pesqueiros e a proposta da suba do IVE

A Mariña, 11 de xuño de 2014. Unha delegación do BNG reunirase este venres a partir das 16:30 na Confraría de Burela con representantes do sector pesqueiro da comarca para analizar, entre outros asuntos, o borrador do Real Decreto polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros e a proposta incluída no denominado “Informe Lagares” de aplicar unha suba do 10 ao 21% no IVE dos produtos de primeira necesidade, entre eles a comercialización peixe, que sen dúbida terá efectos moi negativos para o sector e para o conxunto da sociedade.

A esta reunión están convidados mariñeiros, exportadores, representantes das confrarías mariñás, das dúas sociedades de armadores de Burela e Celeiro, comercializadores, industria da transformación, asociación da baixura e interesados. Por parte do BNG asistirá unha delegación da executiva comarcal e o deputado responsábel de temas pesqueiros da formación nacionalista no Parlamento Galego, Daniel Rodas Chapela.

O emprego no mar ten efectos multiplicadores en terra polo que é estratéxico apoiar a súa vitalidade e viabilidade
Con estas reunións, a organización nacionalista continúa o diálogo co sector pesqueiro que consideran fundamental no desenvolvemento socioeconómico da comarca, “o Bloque Nacionalista Galego cualifica o sector pesqueiro como estratéxico para a comarca en termos de emprego e económicos polo que a súa viabilidade é para os nacionalistas prioritaria”. Nesta ocasión valorarán co sector dúas medidas que se anuncian a curto e medio prazo que para o BNG son altamente lesivas para o sector e por extensión para o conxunto da sociedade.

A percepción de que se lexisla en contra do sector xa non é unha sensación, é unha evidencia
No caso do borrador do Real Decreto polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros “tira por terra o modelo comercializador galego”, eliminando a venda en lonxa para permitir que a primeira venda se faga nos Mercas “discriminando á flota galega” xa que o peixe procedente de caladeiros como O Gran Sol ou Arxentina non terá necesidade de pasar por lonxa senón que pode ir directamente a plataformas loxísticas para despois entrar na cadea de distribución estatal.

A proposta do denominado “Informe Lagares que recomenda, asumindo criterios impostos pola Comisión Europea para a economía do Estado español, unha suba do 10% ao 21% no IVE dos produtos de primeira necesidade que ademais de supoñer a sangría fiscal do conxunto da sociedade coa suba dun imposto socialmente inxusto, terá efectos moi negativos para o consumo de peixe con consecuencias para toda a cadea de segmentos que dependen no sector, desde o mariñeiro ao consumidor final.”

Exit mobile version