Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz leva a Pleno unha moción para superar o modelo institucional do Estado español e recoñecer o dereito a decidir das nacións que o conforman

Foz, 18 de xuño de 2014.- O BNG de Foz leva a pleno unha moción para superar o modelo institucional do Estado Español e recoñecer o dereito a decidir das nacións que o conforman.

O pasado 2 de xuño coñecemos a noticia da abdicación do xefe do Estado español, o rei Juan Carlos I, e a proposta de continuidade do anacrónico réxime monárquico que padecemos. A monarquía é un réxime incompatíbel cun sistema democrático, un réxime “vitalicio” e “hereditario” estabelecido “pola graza de Deus” e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo. Por outra parte, existe nestes momentos unha fonda desafección a unha monarquía inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas e que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía.

Para o BNG, a abdicación do Borbón é ao tempo manifestación evidente da crise do sistema político español e intento de garantir a supervivencia da monarquía como referente simbólico dun rexime hoxe caduco e esgotado, herdado dunha chamada Transición democrática que non supuxo ruptura co franquismo e que negou sistematicamente o dereito das nacións que conforman o Estado español a decidiren libremente o seu futuro.Estamos a asistir a unha operación de cosmética para salvar o réxime, sabedor de estar sendo cuestionado pola inmensa maioría da poboación que non se identifica nin se sente representado pola familia real.

Nesta conxuntura, ao BNG non lle vale unha simples mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade. Ao contrario, a abdicación do Borbón debe servir para proceder a unha verdadeira ruptura democrática e a un proceso constituínte que lle permita a Galiza, como mínimo, ter o recoñecemento e a capacidade de decidir o seu futuro como nación. É o momento de abrir as portas a unha democracia avanzada, avanzar nos dereitos da xente e nos dereitos dos pobos. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei. Por todo isto, xulgamos importante que se inicie un proceso constituínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político.

Nos últimos anos asistimos a un proceso de recentralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. Foi esta mesma monarquía a que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.

Baixo estas premisas, que entendemos básicas para podermos construír unha sociedade galega diferente, próspera, xusta e libre, apelamos ao pobo galego a apoiar e manifestarse con decisión en defensa da República e do dereito da Galiza a decidir.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do estado español o inicio dun proceso constituínte que permita superar o actual marco constitucional incluíndo a participación popular na reformulación do modelo de estado, con garantías no social e democrático e onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir.

Exit mobile version