Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz reclama a gratuidade total dos libros de texto e do material curricular e volver ó sistema de préstamo

Foz, 16 de xuño de 2014. O BNG de Foz presentou no rexistro do concello unha moción reclamando a gratuidade tanto dos libros de texto como de todo o material didáctico para o vindeiro curso escolar.

Para o BNG é intolerable que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aprobara unha orde o mes pasado que pretende impoñer un forte recorte nas axudas á adquisición de material escolar para o vindeiro curso académico. Se nos anos anteriores as axudas estaban destinadas a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario, desta volta unicamente se permite a solicitude de axudas para adquisición de libros de texto. Con esta modificación obriga ás familias, que pola súa situación económica reúnen os requisitos para percibir unha axuda, a asumir este vindeiro curso o custo económico da compra de dicionarios, cadernos de traballo, libros de lectura, etc.

Está claro que esta orde pon en evidencia o fracaso da política educativa do PP e do Sr. Nuñez Feijóo nos seus anos de goberno. Argumentara falsamente cando usaba a desculpa da crise para cambiar o sistema de préstamo universal de libros de texto do goberno bipartito, por un que como se comprobou supuxo maior custo económico beneficiando a un número menor de familias. Agora volve a retomar a idea do banco de libros que no seu día rexeitou e que anima á “solidariedade” das familias como antídoto ás consecuencias da súa propia medida.

Uns 86.000 alumnos e alumnas non recibirán axuda ningunha
Se facemos memoria, recordaremos que a chamada “gratuidade solidaria” -que foi o alcume elixido pola Xunta do PP para o modelo de axudas parciais co que substituíu o sistema de préstamo de libros de texto implantado polo Goberno bipartito- lonxe de tender a ampliar o número de estudantes beneficiarios das axudas, foron eliminando do sistema a cada vez a máis familias e escolares. Os Orzamentos de 2014, presentados como os do “inicio da recuperación económica”, aplican a tesoira e deixan fóra a case 30.000 alumnos e alumnas máis que no exercicio anterior. Isto quere dicir, que haberá case 86.000 estudantes que non recibirán axuda ningunha, o que non quere dicir que os restantes teñan, nin moito menos, libros de balde.

Un recorte orzamentario do 25% no 2014
A menor cobertura das axudas é consecuencia lóxica do recorte orzamentario que departamento que dirixe Xesús Vázquez lle aplica en 2014 a estas axudas para mercar libros e material escolar. No ano 2013 esta partida orzamentaria dispuña dun crédito de 12,8 millóns de euros, pero desta volta diminúe ata o 9,5, resultado de sumar os 8 millóns para axudas á compra de libros ordinarios e o millón e medio achegado para “libros de texto electrónicos”. En síntese, un recorte orzamentario do 25%.

Neste contexto, e mentres as comunidades escolares combinan a organización de bancos de libros coa reclamación da volta ao sistema anterior, un informe da Defensora del Pueblo apostaba abertamente a finais de 2013 polo modelo de préstamo. A institución que dirixe a popular Soledad Becerril recomendáballes ás Administracións públicas, en plena vaga de recortes, “aplicar preferentemente sistemas de préstamo e reutilización dos libros de texto, pola súa maior eficiencia e menor custe” e “favorecer esta utilización no ensino obrigatorio”. Exactamente o que facía o goberno bipartito. Ademais de ser máis económico, argumentaba a defensora, este sistema supón unha “indubidable contribución ao proceso educativo do alumnado e á adquisición de hábitos cívicos e de convivencia”.

A Consellería evita as recomendacións da “Defensora del Pueblo”
O BNG solicitoulle á Consellería de Educación unha valoración do informe e unha avaliación dos resultados da súa “gratuidade solidaria”. Non obtivemos boa parte da información que pedíamos, pero si a orientación política da Consellería para os vindeiros tempos: da gratuidade solidaria á “solidariedade” familiar.

Esta forma de actuar vai totalmente en contra do que pensa toda a comunidade escolar que defende a gratuidade universal e o sistema de préstamo. O BNG de Foz aplaude a lección que as asociacións de pais e nais lle deron ao Goberno de Feijóo na defensa da gratuidade total dos libros de texto a través dos bancos de libros postos en marcha hai cinco anos por elas. Se como di a Constitución no seu artigo 27.4 “o ensino básico é obrigatorio e gratuíto”, os manuais de texto que o alumnado necesita para a súa educación tamén deberían selo. Tal e como está configurado o sistema educativo, o libro é aínda un elemento indispensable que as familias están obrigadas a adquirir cada comezo de curso. En realidade, ao esixir este esforzo económico non se cumpre o precepto constitucional nin se garante a igualdade de oportunidades de todos e todas á educación.

Exit mobile version