Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG participará na mobilización convocada para este xoves contra a monarquía española, pola república e pola soberanía galega

A Mariña, 18 de xuño de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña fai un chamamento á participación das mulleres e homes da comarca na mobilización convocada para mañá, xoves 19, ás 20:30h. na Praza da Mariña, en Burela. Para o BNG “esta é a oportunidade que as mulleres e homes da comarca, demócratas, temos para expresar a nosa opinión sobre un momento histórico no que se impón unha sucesión para lavar a cara dunha monarquía obsoleta e inzada de corrupción; xa que oficialmente impídese a participación democrática de pobos e persoas.”

Os nacionalistas aseguran que “calquera demócrata apostaría porque neste momento a cidadanía tivera posibilidade de opinión e se someterá a discusión un modelo de estado caduco, reaccionario e antidemocrático que, como vemos, non permite a participación das persoas nin dos pobos.”

Desde o BNG apostan por “superar o actual marco estatal caduco e fóra da realidade, que ten como máximo expoñente a monarquía, pero que debería estenderse a outras institucións con formulacións que permitiran a participación da xente e a existencia das nacións.”

Neste sentido, os nacionalistas teñen claro que “este momento debería aproveitarse para abrir un novo proceso constituínte no que os pobos e as persoas foran os actores principais, dun xeito democrático e que permitira existir ás nacións como suxeitos con dereito propio.”

O BNG, como nacionalistas galegos, “aspira a que Galiza poida decidir sobre os seus propios recursos e adoptar as súas propias políticas sen subordinacións a outros poderes alonxados da realidade galega e que priorizan outros intereses antes ca os das galegas e galegos; converténdose en espazo político propio e acadando o estatus de República da Galiza.”

Exit mobile version