Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela contará durante este verán cunha brigada de prevención e extinción de incendios, composta por seis persoas que traballarán durante tres meses

Burela, 25 de xuño de 2014.- O Concello de Burela vai contar durante este verán, durante un período de tres meses, cunha brigada de prevención e extinción de incendios, composta por seis persoas, ao abeiro dos convenios asinados pola Consellería de Medio Rural e Mar, da Xunta de Galicia, con aproximadamente 250 concellos de toda Galicia.

O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “deste xeito vaise dar continuidade ao traballo comezado ano pasado, cando o Concello de Burela contou cunha brigada similar a esta, que fixo un gran traballo durante o tempo que estivo activa, porque serviu para preparar unhas 5 hectáreas de terreo do noso concello”.

Para esta brigada a achega da Xunta é de 20.388 para persoal e despois por cada hectárea limpada concederanlle ao Concello 2.250 euros ata un total de 11.250 euros.

O rexedor cre que “isto é un paso importante, primeiro para a prevención dos incendios forestais e para a adecuación das superficies de monte, beiras de camiños, etcétera, que poden presentar risco de incendio durante o verán; segundo, para a loita contra os incendios, en caso de producirse, que esperemos que non; e terceiro, no que se refire tamén á xeración de emprego, que aínda que sexa con carácter temporal sempre é ben recibido”.

E engadiu que “no momento en que o Concello reciba o convenio asinado pola Consellería de Medio Rural e Mar, a través da Secretaría Xeral de Montes, o Concello poñerá en marcha todos os trámites administrativos para a posta en funcionamento desta brigada de prevención e extinción de incendios, que estará operativa durante tres meses”.

Exit mobile version