Site icon Crónica3.com A Mariña

Pleno extraordinario en Ribadeo para aprobar modificacións nas condicións do préstamos de pago a provedores

Ribadeo, 10 de xuño de 2014. Este mércores 11 de xuño haberá pleno extraordinario no Concello para aprobar o expediente de modificación de determinadas condicións financieiras do préstamo de pago a provedores. Dita modificación permitirá unha redución máxima do tipo de xuro nuns 140 puntos básicos e un aforro de 100.000 euros ao Concello ao longo dos vindeiros 8 anos.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “debido a esta situación económica financeira no Concello, que non sendo a mellor das posibles si que foi mellorando moitísimo nestes últimos tempos, hoxe podemos facer fronte a unhas novas condicións financeiras que o Estado propón para os Concellos que temos operacións de endebedamento na primeira fase, aquela de hai dous anos, para o pago a provedores. Se ben daban posibilidades para refinanciar a débeda, en vez de dez anos a vinte ou ese tipo de cuestións, dende o Concello para nada quixemos facer iso senón todo o contrario, que é optar por unha modalidade que significa que nos baixan o tipo de xuro que temos que pagar polo préstamo vivo durante os 8 anos que nos quedan, aforrando durante a vida dese préstamo aproximadamente uns 100.000 euros no caso de que o Concello adopte varios acordos”. O rexedor seguiu a relatar: “en primeiro lugar que se comprometa á adhesión a un programa para favorecer as facturas electrónicas; é dicir para que os provedores, a xente que traballa co Concello de Ribadeo poida dunha maneira moito máis áxil meter as facturas a través de plataformas electrónicas, de aí que os procesos de xestión e de pago vanse ver moito máis reducidos do que xa están a día de hoxe. Por outra banda temos que comprometernos a que cando menos o 30 por cento das actualizacións e licencias de inicio de actividades sexan substituídas por declaracións responsables, algo que favorece precisamente abrir negocios, industriais, comercios aquí, en Ribadeo. E a día de hoxe estamos aproximadamente xa no 50 por cento de todas as autorizacións que damos, co cal este principio tamén o cumpriríamos”.

O alcalde ribadense subliñou que “cumprindo estes compromisos o Estado vainos reducir uns 140 puntos básicos no tipo de xuro, o que ven resultando na vida da amortización deste préstamo uns 100.000 euros aproximadamente de aforro. Polo tanto é algo que non vai en contra de ninguén, que podemos facer para mellorar un chisquiño máis a nosa situación económica financeira, que dista moitísimo, e para ben, da que podía darse neste Concello hai sete ou oito anos, a pesar de que os ingresos están comprometidos, dado que non hai tantos nin para este Concello nin para outros como había tempo atrás, pero por un rigor na xestión e nos ingresos e gastos vamos mellorando día a día”.

O pleno extraordinario urxente terá lugar mañá, 11 de xuño, ás 20.00 horas na Casa do Concello.

Exit mobile version