Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello lembra que este martes remata o prazo de inscrición para a Universidade Aberta de Cervo

Cervo, 23 de xuño de 2014.- O Concello recorda que este martes é o último día para apuntarse á Universidade Aberta de Cervo. Xornadas de verán “A Universidade que nos agarda”, que se desenvolverá este venres, día 27 de xuño, no Auditorio da Casa da Cultura. Así, as persoas interesadas aínda poden facer a súa inscrición no teléfono 635 00 17 17, na Casa do Concello ou a través do mail educacion@concellodecervo.com.

Unhas xornadas gratuítas, nas que profesores, investigadores, catedráticos e doutores da Universidade da Coruña falarán da realidade universitaria. Unha actividade coa que se pretende apoiar ao futuro estudante de grao “que en ocasións se atopa perdido e desorientado por falta de información”, pero que tamén pode ser moi útil para todos os públicos.

O programa está estruturado en seis ponencias breves, de 45 minutos cada unha, con descansos intercalados, e nas que o profesorado achegará toda aquela información que debe coñecer un estudante antes de acceder á universidade.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lembra que “esta é unha oportunidade excepcional para coñecer o mundo universitario da man de expertos con moitos anos de traxectoria que, ademais, crearán un espazo de interacción onde compartir coñecementos de forma amena”.

Villares asegura que “esta é unha das moitas iniciativas que pon en marcha o Concello de Cervo para apoiar a educación, e a todos os colectivos implicados nela, dende pais, nais, profesores, alumnos, entidades educativas ou ANPAs co obxectivo de seguir mellorando neste piar básico da nosa sociedade”.

Programa

10:30 Inauguración das xornadas

11:00-11:45 Historia de Vida dun alumno universitario. O acceso á Universidade
Mª Cristina Pérez Crego
Licenciada en Psicopedagoxía
Contratada Predoutoral da UDC na Facultade de Ciencias da Educación da UDC

11:45-12:30 Que significa para un estudante universitario o Espazo Europeo de Educación Superior?
Dr. Jesús Miguel Muñoz Cantero
Profesor Titular da área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da UDC
Director do Departamento de Filosofía e Métodos de Investigación en Educación da UDC

12:30-13:00 Descanso para o café

13:00-13:45 Novas Metodoloxías Docentes no Espazo Europeo de Educación Superior
Dra. Eva María Espiñeira Bellón
Profesora da área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da UDC
Vicedecana de Calidade da Facultade de Ciencias da Educación da UDC

13:45-14:30 Técnicas de estudo dende a Perspectiva do Discente
Nuria Rebollo Quintela
Licenciada en Psicopedagoxía
Contratada Predoutoral do Plan I2C da Xunta de Galicia na Facultade de Ciencias da Educación da UDC

14:30-16:30 Descanso para xantar

16:30-17:15 Que pode esperar e demandar o alumnado á Universidade?
Dr. Juan Ferreiro Galguera
Catedrático de Dereito da UDC

17:15-18:00 O Dereito, o Deber do Estudante
Dr. Manuel Fondevila Marón
Doutor en Ciencias Políticas
Investigador na área de Dereito Constitucional da UDC

18:00 Clausura das xornadas e entrega de certificados

Exit mobile version