Site icon Crónica3.com A Mariña

O Curro de Candaoso en Santo André de Boimente (Viveiro) acollerá a celebración da XLVI Rapa das Bestas

A Loita (1º premio)Viveiro, 30 de xuño de 2014.- Esta fin de semana os veciños do concello de Viveiro e os numerosos turistas que visitan estas terras do norde de Lugo poderán disfrutar un ano máis da tradicional rapa das bestas, organizada pola comunidade veciñal de Santo André de Boimente.

A rapa das bestas é un rito ancestral que se remonta a Idade de Bronce que pasou a convertirse na actualidade nun auténtico espectáculo de interese turístico, tal como é o caso da rapa do Curro de Candaoso, Feira e Festa de Interese Turístico.

Este sábado, 5 de xullo todos os que se acheguen ao Curro do Candaoso poderán participar, a partir das 20.00 horas, dunha degustación de Xamón e Chourizo á sidra de balde. E xa co estómago agredecido os asistentes disfrutarán dunha gran verbena coa “Orqueta Fénix” e a “Década Prodigiosa” a partir das 22.30 h. E todo isto baixo unha gran carpa que permitirá amortiguar a baixada das temperaturas nocturnas propias dos Montes do Buio.

O domingo, 6 de xullo e caseque ao mencer os máis madrugadores poderán presenciar o ritual da marcaxe e rapa dos animais no curro e comer as típicas sopas de allo.

Rematada a rapa comezará a romaría, propiamente dita, na que os visitantes terán a oportunidade de mercar nos moitos postos que acoden todos os anos a este evento, disfrutar paseando polo contorno da Fraga das Saímas, bailar co grupo de gaitas e ver as carreiras de cabalos que darán comezo a iso das 17.30 horas. Os xinetes terán a ocasión de participar en dúas modalidades na competición de andadura, en tres modalidades na competición de cabalos e incluso nunha carreira de burros. Todas estas competicións estarán dotadas con premios que van desde 30 euros ata 150 euros.^

Os amantes da fotografía que desexen coñecer os traballos fotográficos gañadores do Concurso imaxesRAPAcandaoso2013 organizado pola asociación “Fraga das Saímas”, tamén poden aproveitar a ocasión para achegarse o domingo ao Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente a disfrutrar da exposición composta polos 15 mellores traballos presentados a esta concurso e que permanece neste centro, en tanto que non puido ser levada polo de agora as sás do concello de Viveiro. As persoas interesadas en ver esta exposición poderán facelo en horario de 10.00 h – 14.00 h. e 16.00 a 18.00 h, chamando ao teléfono 610007746.

Exit mobile version