Site icon Crónica3.com A Mariña

Cristóbal Rodríguez revalida o título de campión de España de pentatlón

pantatlonO Pentatleta Internacional Cristóbal Rodríguez (Celeiro-1991), revalidou o pasado domingo en Sant Cugat o título de Campión de España de Pentatlón Moderno na categoría absoluta, nunha competición moi esixente na que a selección de Cataluña non deu tregua ó deportista mariñán.

A competición deu comezo ás oito da mañá do pasado domingo 8 de xuño e tras unha xornada de once horas de competición concluía aproximadamente ás sete da tarde.

Rodríguez mostrouse con solidez en todas as disciplinas, empezando na natación cunha primeira posición por diante de Gispert que o poñía provisionalmente á fronte da clasificación xeral.

Na proba de esgrima foi onde os combates corpo a corpo foron máis avezados, tendo que empregarse a fondo para poder vencer tamén nesta proba onde empataba con Heredia con 30 combates gañados e seis perdidos para ambos.

Cristóbal chegaba así á técnica proba de hípica onde logrou facerse co cabalo e realizar un circuíto de saltos limpo e no tempo previsto sen penalizar, vencendo tamén na mesma coa puntuación máxima.

Con estes novos 300 puntos o deportistas de Viveiro chegaba a media tarde á fronte da clasificación saíndo en primeira posición na proba combinada (tiro e carreira). Cun sector de tiro brillante onde lograba 20 brancos de 22 disparos e cunha boa carreira, o galego mantiña a súa vantaxe vencendo tamén na proba combinada a pesar de ser acosado pola selección catalá que trataba de manexar as súas bazas para facerse co título nacional da máxima categoría.

Por detrás, e a falta dunha volta de oitocentos metros, ante a imposibilidade de neutralizar ó pentatleta mariñán, os cataláns Aleix Heredia, Joan Gisper, Luís Shivel, Andy Sanz e o cntabro Luís Calahorra comezaron a controlar a competición pola disputa da medalla de prata e a de bronce. Finalmente, entraron na segunda posición os cataláns Aleix Heredia e Joan Gispert seguidos de Andy Sanz, Luís Shivel e o cántabro Calahorra.

Exit mobile version