Neste sentido, o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, precisou que “coa adquisición deste legado non só recuperamos un tesouro dos e das lucenses e para os lucenses, senón que devolvemos a Lugo e a súa provincia unha parte importantísima da súa historia, xa que das pezas adquiridas a maioría proceden de distintas localidades lucenses como Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei, Riotorto ou Ribadeo; ao mesmo tempo que damos resposta á demanda das distintas asociacións culturais galegas nestes tempos, sen esquecernos da importancia a nivel turístico e económico para a cidade de Lugo”.
Durante a súa intervención, Outeiro tamén fixo referencia ao aspecto económico que leva implícito o acordo aprobado, que fixa en 2.346.200 euros o prezo de compra por parte da Deputación. Unha cantidade que se fará efectiva en 5 prazos en anualidades que van ata o 2018, a razón de 99.608 euros neste ano 2014, 656.648 euros en 2015, 633.284 euros en 2016, 606.364 euros en 2017 e 350.296 euros en 2018.
O portavoz do BNG na institución provincial destacou que “con este acordo dáse por rematada unha negociación longa e intensa coa familia Álvaro Gil, levada a cabo con discreción pero con total transparencia de cara á oposición, e que suporá un aforro un aforro de máis de 4 millóns de euros, xa que a familia reclamaba inicialmente 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 millóns de euros por danos e prexuízos”.
A Deputación reclama do goberno do Estado que non se aumente o IVE dos produtos pesqueiros
A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado este martes e a instancias dunha proposta do grupo de goberno que se aprobou por unanimidade, instará á Xunta de Galiza a reclamar do goberno do Estado que non se aumente o IVE dos produtos de primeira necesidade, nomeadamente os produtos procedentes da pesca, así como que se tomen as medidas oportunas ante a remisión do borrador do Real Decreto que regula a primeira venda para impedir que esta se poida realizar nos Mercas. Dúas medidas do Goberno do Estado que, en palabras de Antonio Veiga, “suporían un golpe mortal para o sector pesqueiro da Mariña no seu conxunto”.
O borrador do Real Decreto do Ministerio que regula a Primeira Venda de Produtos Pesqueiros contempla autorizar como establecementos para poder realizar a primeira venda de peixe aos grandes mercados centrais como MercaMadrid ou MercaBilbao, o que suporía desmantelar o modelo actual baseado en que a primeira venda debe realizarse obrigatoriamente nas lonxas. De levarse a cabo a intención do Ministerio as grandes cadeas de distribución do Estado español pasarían a ter o control da comercialización do peixe, en detrimento das empresas locais de exportación, polas que pasa agora a cadea de comercialización e transformación e crean valor engadido e postos de traballo en comarcas pesqueiras como a Mariña.
Neste sentido, o vicepresidente da Deputación lembrou que “a pesca é un sector estratéxico para a comarca da Mariña tanto en termos económicos como de creación de emprego, un sector do que viven unas 5.000 persoas. Na comarca entre 1.500 e 1.600 persoas están afiliadas ao réxime do mar, cun efecto multiplicador en terra de 3 ou 4 postos de traballo por cada un no mar, especialmente no sector da transformación e exportación. Das dez empresas con maior facturación da provincia de Lugo, tres están directamente vinculadas ao sector pesqueiro da Mariña”.
Respecto á intención do Ministerio de Facenda de subir o IVE dos produtos da pesca ao 21%, no lugar do 10% actual, Antonio Veiga fixo referencia a que “o peixe é un produto de consumo de primeira necesidade, non é ningún luxo polo que esta medida suporía un aumento do prezo dos alimentos procedentes da pesca, unha caída das vendas e unha perda da actividade económica nun dos sectores estratéxicos da economía galega”.
“Asemade, esta subida suporía unha nova carga impositiva sobre o conxunto da cidadanía a través dun imposto indirecto, o que contrasta coa ausencia de medidas decididas por parte dese mesmo Goberno central do Partido Popular para loitar contra a fraude fiscal ou para aumentar os impostos ás rendas máis altas”, concluíu Veiga.
A Deputación creará unha bolsa de préstamo con material da residencia San Xosé
Noutra orde de asuntos, o pleno da Deputación de Lugo rexeitou unha moción presentada polo Partido Popular a través da cal solicitaba á institución provincial, como titular do edificio San Xosé e do material que nel se alberga, a elaboración dun inventario con aqueles instrumentos sanitarios que reúnan as condicións necesarias para a súa posterior doazón a algunha entidade con fin social, e unha vez feito este, que a Deputación inicie os contactos necesarios que permitan que estes instrumentos sanitarios poidan ser adquiridos por unhas ou varias organizacións sociais.
A este respecto, Veiga precisou que “non ten sentido votar a favor dunha moción que xa está superada. O inventario que solicitan xa está feito, é máis, actualmente estamos a traballar xa para establecer as condicións de préstamo ou cesión de uso dese material, non só a asociacións sociais, senón tamén a familias que o precisen de xeito temporal para coidar a algún enfermo”.
Nesta liña, o Grupo Provincial do BNG, respecto á petición feita polo Partido Popular, propuxo o uso das instalacións da Residencia Vella, titularidade da Xunta de Galiza, tamén abandonadas e en desuso, para facer fronte ás necesidades de atención da poboación maior da provincia de Lugo, para o que “estaríamos encantados de ceder o material existente no San Xosé para ese centro”; así como que a Xunta de Galiza tamén elabore un inventario do material existente na residencia da súa titularidade.