Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo empraza a BNG e PSOE a que se queren a República acaden a maioría necesaria para cambiar a Constitución

Cervo, 6 de xuño de 2014.- O PP de Cervo considera que o Pleno municipal “nin é o foro, nin o lugar axeitado” para debater sobre o actual modelo de Estado e, en consecuencia, a todos os edís populares votaron en contra da moción de urxencia presentada polo BNG na tarde-noite deste xoves.

Para o PP resulta absurdo promover un pronunciamento do Pleno neste sentido cando a propia Constitución española establece o procedemento a seguir para realizar unha reforma. Desde o Partido Popular emprazan a nacionalistas e socialistas a que, se queren a República, intenten acadar a maioría necesaria para cambiar a Constitución.

“Se esta Constitución non lles gusta, teñen a oportunidade de dicilo nos seus programas electorais e instar unha reforma nas Cortes. O único que non poden facer e inventarse a democracia é saltarse as leis, propoñendo consultas a sabendas de que non teñen o apoio necesario para empregar o procedemento constitucional”

A MONARQUÍA FOI POSITIVA
Os populares de Cervo non só non se senten molestos co actual modelo de Estado, senón que ademais consideran que a Monarquía foi positiva en España, e aseguran que o proceso de sucesión está a desenvolverse nun contexto de normalidade e estabilidade institucional. Confían tamén na preparación e capacidade do Príncipe para asumir as tarefas que lle corresponde como Xefe de Estado.

CONTRADICIÓNS NO PSOE E NO BNG
Os populares poñen de relevo as contradicións do BNG que fala de dar a voz ao pobo e despois pretenden saltarse as normas de convivencia pactadas polos españois na Constitución. Afirman que a iniciativa nacionalista era “un falar por falar, unha perda de tempo”

Desde o PP de Cervo si lles sorprende as manifestacións rotundas de apoio á República dos concelleiros do PSOE en Cervo, absolutamente contraditorias co voto e posición que manteñen os dirixentes socialistas, o que unha vez máis, volve a deixar en evidencia aos seus edís locais.

NECESITADO DE PROTAGONISMO
Por último, os populares non dubidan en cualificar de improcedente a moción de urxencia presentada polo BNG no último pleno municipal e atribúen esta iniciativa á que o único concelleiro do BNG na Corporación está necesitado de protagonismo.

Exit mobile version