Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo asegura que “O empedrado da praza do Seminario continúa a romper ante a despreocupación do alcalde e despois dun investimento superior ao millón de euros”

Mondoñedo, 14 de xuño de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo vese na obriga de denunciar o empeoramento do mal estado que presenta a praza do Seminario, logo da infraestrutura acometida polo bipartito e que supuxo un investimento superior ao millón de euros.

Os populares explican que o empedrado continúa a romper ante a despreocupación do alcalde da localidade, Orlando González, “pese ao perigo e incomodidade que entraña esta circunstancia para os usuarios da vía”.

Estamos ante unha obra que, lonxe de representar unha mellora para a localidade, “provocou un deterioro importante tanto no entorno da Fonte Vella, como no do Seminario e no da Catedral”.

Pasividade do goberno bipartito
Os populares lembran que a empresa adxudicataria abandonou a obra deixando desperfectos que continúan a día de hoxe sen estar subsanados.

Un informe técnico cita defectos tanto na colocación das pedras como na terminación do pavimento, que provocan que o empedrado rompa de xeito continuado. A maiores, dende o Partido Popular de Mondoñedo enumeran patoloxías como rexuntado de acceso sen rematar ou problemas no alumeado e na sinalización.

A pasividade do alcalde ante esta circunstancia é tan evidente que tarda ata “dous anos” en iniciar o procedemento de resolución coa empresa dende que ten coñecemento dos incumprimentos da entidade que executou a obra.

Unidades de obra sen executar
A empresa non só “fixo mal a obra, senón que deixou melloras comprometidas sen executar e que foron determinantes no seu momento para que esta sociedade resultase adxudicataria en detrimento doutras empresas locais”.

“Estamos a falar polo tanto dunha perda en patoloxías e obras sen executar que ascende aos 181.291,08 euros, máis de 30 millóns de pesetas”, lembraron os populares, e que “está a ter repercusións negativas tanto para o día a día dos veciños como para a imaxe que proxecta Mondoñedo aos visitantes”.

Exit mobile version