Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente de Portos de Galicia visitou Burela para anunciar que as obras de mellora do abrigo do porto comezarán neste 2014

Burela, 5 de xuño de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, valora de forma positiva a visita cursada onte a Burela polo presidente de Portos de Galicia, e na que anunciaba que neste 2014 comezarán as obras de mellora do abrigo do porto burelés. Para o rexedor unha vez máis queda de manifesto o apoio da Xunta a Burela e ás súas infraestruturas.

O rexedor dixo que “o anuncio feito onte polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, relativo á prolongación en 20 metros do martelo que separa a zona comercial da pesqueira do porto de Burela, cun investimento próximo ao medio millón de euros, vai repercutir de forma importante na seguridade da dársena interior do peirao”. González Barcia lembrou que “como se sabe se tiveron feito distintos estudios para ver o impacto da ondada dentro da dársena, e esta é a primeira parte, das dúas que terá a obra. A prolongación do dique de atraque comezará probablemente a finais do verán e a segunda parte da actuación será a construción dun dique que sairá desde a zona de Absa, en diagonal cun ángulo de 30 graos e unha lonxitude de 50 metros. Sobre esta actuación xa hai traballo feito, falta por facer o proxecto e é unha actuación que agardamos e confiamos que se concrete de cara a finais do presente ano”.

O alcalde de Burela sinalou que “esta obra é froito do traballo e das xestións que se fixeron conxuntamente entre o sector pesqueiro e o Concello de Burela. Foron varias as reunións que houbo en Santiago e en Burela a tal efecto. Vese que traballando de forma conxunta as cousas se van conseguindo. Sen dúbida ningunha a actuación prevista por Portos de Galicia no porto de Burela ten, aparte da importancia en canto á mellora da seguridade na dársena interior, outra relevancia e é que demostra o interese que ten a Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijoo en Burela. E tamén unha atención especial ao noso peirao. De todos é sabido que o porto de Burela é un dos principais portos pesqueiros dentro das competencias de Portos de Galicia”. E engadiu “para nós, como equipo de goberno, e para min como alcalde é unha satisfacción saber que aquilo polo que traballamos durante os dous últimos anos se vai facer realidade pronto. Estamos diante dunha boa noticia, que tamén demostra que desde o equipo de goberno non nos quedamos sentados, senón que somos capaces de facer xestión, e neste caso indo da man do sector pesqueiro, que como se sabe é un sector fundamental para a economía local”.

Vixilancia das obras do porto
Nas últimas horas a Xunta procedeu a licitar a vixilancia das obras de acceso ao porto de Burela. O rexedor indicou que “é un paso máis cara a construción das obras de acceso ao porto de Burela. Si alguén tiña dúbidas sobre se isto se ía realizar ou non, pois xa ven que a Xunta xa licita a vixilancia das obras. E por outra banda dentro de aproximadamente un mes acaba o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en realizar a obra do acceso ao porto de Burela, que como se sabe se licitou o pasado mes de maio”.

Bandeiras azuis
O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, viaxará mañá a Vigo para recoller as bandeiras azuis que recibiron as praias de A Marosa, O Portelo e Ril, o barco museo Reina del Carmen e a aula de educación medio ambiental Gaia e tamén o sendeiro azul que reciben os paseos marítimos de Burela. O acto desenvolverase a partires das 12 do mediodía no Museo do Mar de Vigo.

Exit mobile version