Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG amosa o seu respeto pola renuncia ás axudas municipais do Colectivo Cultural Buril

Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos mostrar o noso respeto pola decisión tomada pola asociación cultural Buril de renunciar á axuda que lle concedía o Sr. Barcia por motivos máis que razoables. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE xa forzara a celebración dun Pleno Extraordinario do Concello de Burela para tratar a falla de criterio, o sectarismo e a discriminación que supoñía o reparto de cartos públicos ás asociacións en función do criterio único do noso “pequeno cacique”, o Sr. Barcia, e xa avisábamos que repartir os cartos públicos có único criterio do Sr. Alcalde ía a traer problemas xa que as discriminacións entre asociacións son máis que evidentes. Está claro que o colectivo Buril non vai a entrar nese xogo e neste caso ten o noso total apoio.

Máis aló disto o colectivo Buril denuncia que ten pagado máis de 100 euros no uso de locais municipais que os veciños e veciñas de Burela xa pagan cós seus impostos, pero resulta aínda máis curioso que segundo datos que se nos facilitaron dende o propio Concello a petición do Grupo Municipal Socialista, haxa asociacións e partidos políticos que se “esquezan” de cumprir as súas obrigas e non paguen a taxa correspondente polo uso de ditas instalacións, mentres outros gustosamente pagamos relixiosamente polo uso das mesmas. ¿Acaso hai algún dereito “de pernada” dalgunhas asociacións e partidos políticos para non pagar as taxas que outros pagamos? ¿Cal é o criterio que se segue dende o Concello para cobrar o uso de ditas instalacións? Supoñemos que alguén fará unha aclaración deste asunto.

Pero o que máis nos sorprende é a nova “arroutada” do Sr. Barcia contra unha das asociacións máis activas do noso Concello como é Buril, e sexa capaz de ameazalos publicamente para que renuncien ó local social que teñen na Praza de Abastos, coma moitas outras asociacións. Está claro que este Alcalde perdeu definitivamente o norte, e en lugar de sentarse a falar con aquela xente que lle pide que os reciba, como é a súa obriga, prefire enfrontarse cós colectivos do pobo igual que fixo coa Asociación de Amigos e Amigas da Banda de Burela. ¿Este realmente é un alcalde de todos os veciños e veciñas? Realmente lamentable.

As asociacións e veciños de Burela non se merecen un trato semellante do que debería ser o Alcalde de TODOS os veciños e veciñas de Burela, e instamos ó Sr. Barcia a cambiar a súa actitude polo ben de Burela e se empece a comportar como o cargo que ostenta se merece.

Exit mobile version