A Mariña, 13 de xuño de 2014. O BNG da Mariña trasladará ás institucións locais e provincial a problemática xerada polo borrador do Real Decreto de Primeira Venda e a suba do IVE do peixe en resposta ás demandas do sector. O BNG afirma que a aplicación destas medidas suporá a destrución de emprego nun sector que é dos de maior crecemento laboral e económico na comarca e na provincia como demostran as cifras de facturación; xa que das 10 primeiras empresas de Lugo, tres son mariñás directamente vinculadas ao sector pesqueiro. Igualmente en termos de emprego, este sector é clave para o futuro da comarca xa que entre 1.500 e 1.600 persoas están afiliadas no réxime do mar, cun efecto multiplicador en terra de 3 ou 4 postos por cada un no mar, especialmente no sector da transformación e exportación.
Á reunión celebrada hoxe asistiron mariñeiros, exportadores, representantes das confrarías mariñás, das dúas sociedades de armadores de Burela e Celeiro, comercializadores, industria da transformación, asociación da baixura e interesados. Por parte do BNG asistiu unha delegación da executiva comarcal, o portavoz municipal en Burela, Mario Pillado e o deputado responsábel de pesca da formación nacionalista no Parlamento Galego, Daniel Rodas Chapela.
Na xuntanza, organizada para escoitar a opinión do sector analizáronse entre outros temas, o borrador do Real Decreto polo que se Regula a Primeira Venda de Produtos Pesqueiros e o denominado “Informe Lagares”, onde un grupo de expertos traslada unha nova proposta de reforma fiscal que entre outras medidas suxire o incremento do IVE do 10 ao 21% do produtos de primeira necesidade, entre eles o peixe.
O BNG trasladou a plena disposición a traballar para que estas dúas medidas non se convertan nun novo atranco para un sector pesqueiro xa de por si moi golpeado polas políticas deseñadas en Madrid ou en Bruxelas, “lexislar contra o sector, mesmo obviando a súa realidade organizativa e comercial no caso da primeira venda en Mercas e aplicar políticas fiscais lesivas pode ser a gota que colme un vaso xa cheo ate os topes”, afirmaron desde o BNG.
A delegación nacionalista explicou ao sector as dúas iniciativas xa presentadas no Parlamento Galego arredor destas dúas cuestións. A primeira delas xa aprobada refírese ao borrador que Regula a Primeira Venda de Produtos Pesqueiros e demandaba ao goberno galego a paralización dun modelo comercializador que permite a primeira venda nos Mercas centrais “contrario ao sistema de venda en Galiza e que deixa na picota ás lonxas galegas ademais de ser discriminatorio para a nosa flota”
No caso da iniciativa enfocada no sector sobre as recomendacións emitidas polo chamado “Informe Lagares” no que un grupo de expertos traslada unha nova proposta de reforma fiscal que suxire o incremento do IVE do 10 ao 21% do produtos de primeira necesidade, entre eles os produtos da pesca, demandan que non se tome en consideración esta suxestión xa que ademais de ser socialmente inxusta para o conxunto da poboación, é demoledora contra a reactivación do consumo, anima ao fraude fiscal e ataca o proceso comercializador dos produtos pesqueiros.