Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo esíxenlle ó goberno que priorice ás persoas á hora de decidir o destino dos cartos públicos

CERVO, 6 DE XUÑO. Os socialistas de Cervo, despois de comprobar en pleno a conta xeral do Concello do ano 2013, subliñan que “non podemos estar máis en desacordo na maneira de xestionar os cartos públicos por parte deste equipo de goberno”.

A conta xeral presentada no pasado pleno municipal, “non deixa de ser un traballo matemático dos servizos de intervención do Concello entre os gastos e ingresos, traballo do que non dubidamos para nada. Agora ben, reflicte, e de maneira moi clara, en qué decide o equipo do Partido Popular gastar o diñeiro ou non”.

Hoxe, precisamente, podemos ler na prensa declaracións do equipo de goberno sobre a súa implicación coa Universidade Galega, por outra banda, “deixaron o 25% dos fondos FEUGA sen executar durante o exercicio do 2013, fondos que puideron ser aproveitados por rapaces e rapazas cervenses que voltan xa da Universidade e non atopan o camiño para a súa inserción laboral”.

Lembran cómo se invertiron case 380.000 euros en poñer herba artificial no Campo da Veiga e pola contra, “adicaron cero euros, repetimos cero euros, a gastos de emerxencia social, cando a día de hoxe a situación económica de moitas familias é alarmante, moitas non chegan como deberan a fin de mes ou incluso viven sen que ningún dos seus membros teña un salario cada mes”.

Dende o Grupo Municipal Socialista esperan que no 2014 executen todo o que se teña presupostado e sobre todo “prioricen nas persoas, moitos veciños o están pasando francamente mal. Non pode ser que tódolos casos se deriven a Cáritas en lugar de darlles solución dende o propio Concello”.

Neste senso, os socialistas alertaron no turno de rogos e preguntas “da tremenda espera que sofren moitos dos que solicitan axudas, como a RISGA. Chegan a tardar ata cinco meses en dar resolución, probablemente nese tempo xa cheguen tarde”.

Os socialistas queren que “o equipo de goberno apoie ós veciños no que realmente necesitan e non se tire o diñeiro en asuntos totalmente prescindibles”.

Exit mobile version