Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo piden a Villares que reclame á Xunta o pagamento dos GES desde 2013

Cervo, 19 de xuño de 2014.- Os socialistas de Cervo piden ó alcalde que reclame á Xunta de Galicia o pagamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), pois “ten sen pagar parte de 2013 e mantén bloqueado o anticipo do ano 2014. O seu retraso supón unha dificultade maior para o concello sabendo que lle corresponde o 60% do financiamento total deste servizo, o 40% restante repártese de maneira equitativa entre a Deputación e o Concello”.

Consideran que Alfonso Villares, como alcalde e vicepresidente da FEGAMP, debería estar encabezando esta reclamación á Xunta de Galicia, “ó igual que a principios de maio responsabilizaba á Deputación do atraso neste mesmo asunto, a pesares de que o organismo provincial xa ten cumprido coas súas obrigas, mantén tódolos trámites ó día e ingresou ós concellos todo o que lle permite a lei polo de agora”.

Dende o Grupo Municipal Socialista botan en falta “a mesma actitude do alcalde á hora de recriminar responsabilidades a unha ou outra administración. O retraso do pago dos GES dos seus compañeiros da Xunta afecta directamente ó noso concello que está a asumir este gasto, e non ten por qué facelo así”.

Os socialistas piden que dende o goberno de Cervo se esixa á administración autonómica que “aclaren os motivos polos que aínda non efectuou este pagamento e que o asuma de maneira inmediata xa que estes efectivos desempeñan unha labor imprescindible durante os meses de verán”.

Exit mobile version