Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira lémbralle ó PSOE que Xunta e Concello asumen o 80% dos gastos do GES e a Deputación só o 20%

Cervo, 20 de xuño de 2014- A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, asegurou este venres que “o servizo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal é posible principalmente grazas aos esforzos de Xunta e Concello, que xuntos asumen o 80% dos gastos” mentres a Deputación “só se ocupa do 20%”. Da mesma maneira, Pedreira lémbralles aos socialistas que a Xunta ingresoulle ao Concello 33.000 euros polo GES, mentres a Deputación compensou 22.000 euros, polo que non os abonou directamente. Sen esquecer que o Goberno Provincial ten aínda importes pendentes co Concello polo GES do ano 2013.

Ademais, a edil lémbralles aos socialistas que “Cervo ten un grupo de emerxencias grazas ás xestións do Concello, e non ao PSOE, que sempre que pode desvía os servizos cara outros municipios”. Pedreira refírese aos tempos nos que estaba previsto construír o parque de bombeiros en Cervo, pero “grazas á man da vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, rematou en Viveiro”.

Aínda así, a responsable de Facenda quere tranquilizar aos socialistas: “Non se preocupen polo GES de Cervo. O servizo está funcionando perfectamente”. “Deberían preocuparse máis por limpar as estradas provinciais que hai no concello, ou por non multar aos veciños de Cervo con 20.000 euros como xa fixeron”.

Exit mobile version