Durante a súa intervención, Antonio Veiga destacou que “o III Festival de Jazz de Ribadeo vai máis alá dunha programación de concertos, e achegará ás xentes de Ribadeo e da Mariña un maior coñecemento sobre este estilo musical que cada vez cobra máis presenza na comarca, grazas a iniciativas coma a que hoxe nos ocupa”.
De feito, a programación desta terceira edición do festival ribadense comezará con actividades como a inauguración da exposición “Fotografías de jazz”, de Esther Conchada, que estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións, dende o 18 ata o 27 de xullo. Ademais, neste terceiro ano de vida o festival ofrecerá un ciclo de cine, coa proxección dos filmes “Honeydripper”, “Let’s get lost” e “Straight no chaser”, os días 18, 19 e 21 de xullo, respectivamente, ás 22.30 horas, no Cine-Teatro, con entrada de balde.
Completarán esa programación formativa unha conferencia a cargo de Juan Cifuentes “Cifu”, baixo o título “El mundo del jazz”, o 19 de xullo, ás 20.30 horas, no Cine-Teatro; e a táboa redonda “Jazz en Galicia, presente e futuro” coa participación deJuan Torreiro xornalista de La Voz de Galicia e titular do blog especializado “Dulce y canalla”, un representante da Administración, un promotor e produtor, Xacobe Martínez Antelo músico representante da Asociación Galega de Música ao Vivo e Juan Paz brand manager de Estrella de Galicia, empresa moi vinculada ao jazz. Estas dúas actividades tamén con entrada de balde. Asemade, o Parque Municipal acollerá os días 21 e 22 de xullo un mercado de discos e merchandising de jazz.
Os concertos celebraranse do 24 ao 27 de xullo, a partir das 21.00 horas, na carpa instalada na avenida Rosalía de Castro, e estarán amenizados por artistas e bandas da talla de Alfredo García Quartet, Alexandra in Grey, Hiromi Trio Project featuring Anthony Jackson & Simon Phillips, que actuarán o día 24; Carmen Rey Band, Bezil Meade Trio featuring Annette Bowen, e Joanne Shaw Taylor, que actuarán o venres 25; Victor Aneiros Blues Band, Cosmosoul e Nicholas Payton Trio, que o farán o sábado 26; e Sumrrá, La Vella Diexiland con Marián Barahona, e Eric Sardinas, que estarán en concerto o domingo 27 de xullo.
As entradas están á venta na web de NovaGalicia Banco e Musikaze.com. Pódese mercar abono sentado para os catro días por 80 euros, ou entrada individual sentada 25 euros por concerto; ou abono de pé para os catro días por 60 euros, e entrada individual de pé por 20 euros. A compra de entradas establécese para os concertos dos días 24, 25, 26 e 27 de xullo. A maiores, os días 20 e 22 de xullo haberá dúas sesións gratuítas, na Praza do Cantón, a partir das 23.00 horas, a cargo dun cuarteto de jazz.