Site icon Crónica3.com A Mariña

Récord de candidatos ós Premios INLUGO a menos de 24 horas para o remate do prazo de inscrición

A segunda edición dos Premios INLUGO reedita o seu poder de convocatoria entre os lucenses, posto que polo momento son case medio cento as persoas, iniciativas e proxectos que teñen presentado a súa candidatura a estes galardóns. Nacidos ó abeiro do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, de referencia en Galicia, recoñecen o bo facer de persoas, iniciativas e proxectos que teñen destacado polo seu acertado emprego de Internet e as redes sociais en diferentes ámbitos.

Os candidatos a estes premios poden ser moitos máis, xa que os interesados en tomar parte nesta iniciativa aínda están a tempo de facelo: o prazo continúa aberto ata este mércores, 4 de xuño, ás 20:00 horas. Para participar só é necesario cubrir o formulario dispoñible en http://www.inlugo.com/premios-inlugo/, cos datos correspondentes ó nome, teléfono de contacto e correo electrónico. De calquera xeito, tamén é posible adxuntar toda a documentación que os interesados consideren relevante para avalar os méritos da súa candidatura. As catro categorías do certame son as seguintes: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, un xurado formado por membros da Deputación valorará as mesmas e elixirá ós gañadores en cada unha das categorías existentes. Os galardoados recibirán o seu premio o venres, 7 de xuño, no transcurso do Congreso #INLUGO14. Este consistirá nunha figura-galardón e un iPad mini de última xeración cedidos, de xeito totalmente gratuíto, pola compañía Telefónica.

Reputados ponentes
O Congreso contará con destacadas figuras como Ramón Lobo, xornalista de raza, escritor de éxito, blogueiro e corresponsal de guerra nos conflitos bélicos como os de Bosnia, Kosovo, Chechenia, Irak, Afganistán, Serra Leona, Liberia ou Ruanda, quen falará sobre o intenso momento que vive o xornalismo dixital; Carlos Fernández, responsable do éxito de @policia, o corpo de seguridade con máis seguidores en Twitter a nivel mundial tras desbancar ó FBI; Pepo Jiménez, @kurioso, responsable da plataforma que monitoriza os contidos da rede máis exitosos; Delia Rodríguez, redactora do Huffington Post, experta en Internet e autora de “Memecracia”, onde relata o fenómeno dos memes e virais, así como a súa influencia na sociedade; Efrén Vázquez, lucense que participou no concurso Master Chef falará sobre a moda gastronómica e a influencia das redes sociais no sector; Clara Ávila, blogueira de referencia, galardoada co premio Bitácoras ó mellor blog tecnolóxico por “La Chica del Facebook”; Carlos Guadián, editor dende 2003 de K-Government, un dos blogs referenciais do Goberno Aberto; Cristina Juesas, asesora do proxecto do Goberno Aberto do Executivo Vasco, pioneiro en España; Paloma Abad, coordinadora do suplemento de moda, gastronomía ou tecnoloxía do País Semanal; Laura Pintos, redactora xefe de mujerhoy.com. Xunto a eles, haberá representantes da blogosfera lucenses, como Elio Laureano, Hugo Iglesias, Rubén Pérez, Santiago Martínez…, e así ata completar un cartel de case 30 ponentes, que contan con milleiros de seguidores nas redes sociais.

Exit mobile version