Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle a II Mostra de Vehículos Clásicos organizada por APAGA entre o 30 e o 31 de agosto

Ribadeo, 17 de xuño de 2014. Ribadeo acollerá a II Mostra de Vehículos Clásicos os días 30 e 31 de agosto. O evento, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) celebrarase nos xardíns do hotel O Cabazo. A novidade deste ano é que os que o desexen poderán poñer á venda os seus coches e motos antigas, ademais de pezas destes vehículos. Este evento é unha das actividades que se organizan paralelamente ao Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que terá lugar esa mesma semana.

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, sinalou que “este ano a mostra de vehículo clásico se transforma en feira, para responder á petición de varias persoas, que teñen tanto coches como motos, coa idea de intercambiar e vender ademais de expoñer. É dicir o que é unha feira ao uso”.

Tanto Francisco Javier Rodríguez, directivo tamén de Apaga, como Doural indicaron que “os interesados en participar, tanto particulares coma empresas, poden dirixirse á nosa páxina web www.apaga.es para entrar en contacto con nós, no teléfono 639 88 49 45 ou no correo electrónico adoural@apaga.es”.

Álvaro Doural dixo que “logo teremos unha xuntanza para ver como imos organizando todo isto. É un servizo gratuíto, non haberá que pagar nada por participar. A Feira Mostra acollerá vehículos clásicos en exposición, pero tamén coches ou motos que os seus propietarios desexen poñer á venda ao igual que aqueles motores ou pezas de vehículos clásicos que os particulares queiran vender. Todos terán aquí o seu espazo”.

Desde Apaga subliñan que “é unha actividade aberta a todo mundo. Queremos crear un ambiente propicio para que se poida repetir en anos sucesivos”. E engaden que “si o ano pasado houbo unha participación de máis de vinte vehículos clásicos, neste 2014 agardamos incrementar esta cifra. O importante é que se poña en marcha esta feira de venda, de intercambio de pezas, de exposición, etc. É un complemento importante ao Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que presentaremos máis adiante. Isto completa unha semana importante para Ribadeo no mundo do automóbil. Estamos abertos a todo tipo de solicitudes e suxerencias, dentro da capacidade organizativa que ten esta asociación. Non pretendemos arrincar cun evento como se fai noutros sitios do territorio nacional, pero si crear un ambiente para que isto vaia in crescendo ano a ano”.

Exit mobile version